A iniciativa, impulsada polo Concello, busca promover a economía circular e o consumo responsable, alongando o ciclo de vida dos xoguetes e incentivando a súa reutilización
Desde o comezo da campaña, o persoal da instalación repartiu 6.000 xoguetes, un 75 % do total de obxectos recibidos
As instalacións da Casa dos Xoguetes, unha iniciativa promovida polo Concello co obxectivo de impulsar a economía circular e o consumo consciente e responsable, pechan hoxe as súas portas tras máis dun mes de actividade e cun balance récord: un total de 8.000 obxectos donados pola cidadanía —medio milleiro máis que na edición anterior—, para alongar o ciclo de vida dos xoguetes e incentivar a súa reutilización, dándolles unha segunda vida.
A Casa dos Xoguetes, habilitada neste Nadal na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), na rúa Costa da Palloza, 8, comezou a súa actividade o pasado día 1 de decembro. Será hoxe, xoves 5, cando remate o prazo de recepción de xoguetes, aberto ata esta tarde, ás 19.00 horas.
Na Casa dos Xoguetes, e en contraprestación polos obxectos doados, a persoa usuaria recibe cupóns que pode intercambiar, posteriormente, polos xoguetes que máis lle gusten de entre todos os expostos nese momento.
Por outra banda, e no caso de que a persoa usuaria soamente desexe doar obxectos sen recibir cupóns a cambio, o persoal de atención da Casa das Xoguetes recolle os xoguetes en cuestión para entregarllos posteriormente a persoas que os precisen. Desde o comezo da campaña, o persoal da instalación repartiu 6.000 xoguetes, un 75 % do total dos recibidos.
Ao igual que en campañas previas, non se aceptaron xoguetes que non estivesen enperfectas condicións para poder ter dunha segunda vida nas mans de outras nenas e
nenos. Ademais, todos os xoguetes levan o distintivo CE, símbolo que certifica que cumpren coa normativa europea de seguridade.
Obradoiros e contacontos para a rapazada
Por outra banda, e ademais da recepción de xoguetes, na Casa dos Xoguetes tamén se promoveron diversos obradoiros creativos de Nadal e contacontos para a rapazada de entre 4 e 10 anos de idade. As actividades, impulsadas a través da Concellaría de Comercio, Mercados e Barrios, prolongáronse ata o 29 de decembro, incluíndo talleres para a fabricación de adornos para a árbore de Nadal e agasallos como moedeiros feitos a base de materiais reciclados.