Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Galicia inviste máis de 270.000 euros na mellora dunha decena de camiños rurais e na pavimentación dos accesos ao polígono industrial do concello da Laracha


Trátase de dúas actuacións desenvolvidas a través de distintas achegas da Consellería do Medio Rural e da de Economía, Emprego e Industria

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá A Laracha para supervisar xunto co alcalde da localidade, José Manuel López, distintos proxectos que o Goberno galego está a desenvolver no municipio para mellorar as infraestruturas viarias, que contan cunha achega total de máis de 270.000 euros aportados, por unha banda, pola Consellería do Medio Rural e, por outra, pola de Economía, Emprego e Industria.
Por un lado, Medio Rural destinou, a través do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal, unha subvención de 162.383 euros para o arranxo de nove pistas locais nas parroquias de Lendo, Erboredo e Montemaior. En total, a actuación cubriu unha lonxitude que chega aos seis quilómetros de vías de carácter municipal, onde se acometeu a mellora da capa de rodadura, tratamentos asfálticos superficiais, a limpeza e perfilado de cunetas e arranxo das fochas existentes nalgún dos casos.
Neste senso, Do Campo apuntou que o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo intervencións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.
Por outra parte, veñen de comezar estes días as obras para mellorar a pavimentación dos accesos ao polígono industrial da Laracha, cofinanciadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria cunha axuda de 108.753 euros. Neste caso, darase entrada ao parque empresarial desde a estrada AC-552 e desde a estrada provincial DP-1913 Laracha-Baldaio. A máxima representante do Goberno galego na provincia indicou que esta subvención enmárcase no programa de apoios impulsado desde o departamento autonómico para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais. “A través destas liñas de subvencións impulsarase a súa actividade industrial, xerando postos de traballo e mellorando a competitividade do tecido empresarial”, apuntou.
A delegada territorial tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o da Laracha. Así, amosouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”.