Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Galicia destina´ra 2,4M€ a fomentar a sustentabilidade no sector dos recursos naturais


— A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación convocará cinco liñas de axudas para avanzar na mellora ambiental e laboral, así como para promover a eficiencia enerxética e a certificación das empresas desta industria

— Os apoios publicaranse nas próximas semanas e tramitaranse por orde de entrada da solicitude

A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso co desenvolvemento dunha minaría sostible e segura e este ano convocará cinco liñas de axudas destinadas á actividade industrial vinculada aos recursos naturais. Reservará un total de 2,4M€ a estes apoios que amplían o seu ámbito de actuacións con respecto á edición anterior.

As axudas da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, que se outorgarán por orde de solicitude, están destinadas a empresas privadas do sector mineiro, incluído o subsector da auga mineral natural e o de actividades relacionadas co sector mineiro como é a de elaboración de rocha ornamental, así como as que se dediquen á explotación de balnearios e que realicen a súa actividade ou conten con algún centro de traballo en Galicia.

Así, unha das liñas apoiará os investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico das zonas onde se desenvolve a actividade mineira e, en especial, mediante a redución de emisións de po e ruído. A principal novidade é que se estende a investimentos para a protección do medio ambiente na zona da actividade mineira. Outras dúas liñas impulsarán investimentos para mellorar as condicións das persoas traballadoras, en especial na redución da exposición ao po e o ruído: unha dirixirase ao sector mineiro en xeral e inclúe, como novidade, investimentos tamén en redución das vibracións e medidas de seguridade, hixiene industrial e ergonomía; e a outra ao da rocha ornamental. A intensidade da axuda será como máximo do 60% para as pequenas empresas, 50% para medianas e 40% para grandes, cun máximo de 100.000 euros na primeira e segunda liña, e 50.000 para a terceira.

Por outra banda, outorgaranse axudas para apoiar a adquisición de equipamentos de eficiencia enerxética nas empresas do sector mineiro, especialmente para as que se dediquen ao envasado das augas minerais naturais, así como as de explotación de balnearios. Este ano ábrese, polo tanto, a todo o sector e, ademais, incluirá apoios para a elaboración de auditorías enerxéticas relacionadas cos investimentos que vaian realizar nestes equipamentos. Neste caso a intensidade das axudas será do 50% para pequenas empresas, 40% para medianas e 30% para grandes, cun máximo de 50.000 euros para os equipamentos e 1000 para as auditorías.

Por último, apoiaranse os procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480: 2019 Sistema de Xestión mineira sustentable e UNE 22470: 2019 Sistema de Xestión mineiro, mineirometalúrxica e metalúrxica sustentable, que acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sostible nas empresas deste sector e que permitirá a Galicia avanzar no seu obxectivo de converterse na Comunidade cun maior número de compañías mineiras certificadas neste eido. A axuda máxima será de 3000 euros.

A nova convocatoria, que se publicará nas próximas semanas, permitirá o desenvolvemento de proxectos que favorecerán un aproveitamento racional e eficiente dos recursos naturais, valéndose da investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento como elementos de mellora do sector que, ademais, redundarán nun menor impacto medioambiental da actividade. Ademais impulsará unha mellora en materia de prevención e riscos laborais, achegando maior seguridade aos traballadores do sector. Obxectivos que coinciden cos obxectivos que marca a Axenda de impulso da minaría sustentable aprobada pola Xunta de Galicia.