Trinta nenos e nenas de Lousame, de 5 a 10 anos, participan estes días no programa Leisure Activities in English, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Lousame a través do seu programa de voluntariado europeo European Solidarity Corps. Un programa de conciliación familiar en inglés que está sendo impartido polas voluntarias europeas Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas.
As clases teñen lugar do 2 ao 5 de xaneiro, en horario de 10:30 a 13:30 horas, na Casa da Cultura de Lousame. A iniciativa inclúe actividades de pintura, karaoke, música, xogos, cinema, teatro, creatividade, conversas… todo en inglés. Trátase da segunda edición deste programa, despois do éxito acadado polas propias Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas durante este verán.
A concelleira de Xuventude e Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e o técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, sumáronse esta mañá á iniciativa, na que as voluntarias turcas impartiron un obradoiro de papiroflexia. “Unha boa oportunidade para practicar inglés dunha forma lúdica á vez que o pasamos ben e facemos máis amigos e amigas”, destaca Silvia Afrafojo.