Saturday 16 de November de 2024

A Banda Municipal de Música inicia o segundo ciclo de “SonArte” no ano do 175 aniversario da súa fundación


SonArte é o título da tempada 2022-2023 de concertos da Banda de Música Municipal de Santiago que arrancou o pasado mes de outubro e que continuará este ano, coincidindo co 175 aniversario da súa fundación. En total, a BMSC ofrecerá ata o próximo mes de maio un ciclo de 27 concertos nos que a música se relaciona con outras disciplinas artísticas e que neste mes de xaneiro estará dedicado ao teatro.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director da BMSC, David Fiuza, presentaron esta mañá a programación do segundo ciclo do programa ‘SonArte’ que arrancou o pasado mes de outubro, e co que a Banda pretende conectar a música con outras artes, dedicando cada mes da tempada a unha disciplina diferente: outubro á música, novembro ao cine, decembro á arquitectura, xaneiro ao teatro, febreiro á danza, marzo á pintura, abril á literatura, e maio á escultura.

Este venres, 6 de xaneiro, inaugurarase este segundo ciclo, cun concerto que responde ao título de “Escenas Caucásicas” e que contará coa participación de Esteban Batallán, trompeta solista de Chicago Symphony Orchestra. Na programación do mes de xaneiro, tamén destaca a representación da zarzuela “A lenda de Montelongo”, un dos poucos títulos con libreto e texto en galego, con música de Bernardo del Río, antiguo director da BMSC. Trátase dunha colaboración con Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, o coro Liceo de Vilagarcía, e a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos. O mes de xaneiro pecharase cun musical producido por A Cova das Letras, con música de Manuel Otero Paino, trompetista da Banda, baixo o título “A familia Brañas”.

No mes da danza, febreiro, terán lugar tres concertos sinfónicos: “Invitación á danza”, “Cando danzábamos” e a “Sexta Sinfonía”, este último en colaboración coa Banda Sinfónica do CMUS de Santiago de Compostela.

En marzo, no mes da pintura, a Banda contará coas colaboracións do director convidado Javier Alonso, 3º premio do I Concurso de Dirección da BMSC, e tamén de Daniel Portas, trombón solista da banda, que interpretará ‘Colors’ de Bert Appermont, nun concerto baixo o título de “Retratos” no que tamén se fará unha homenaxe aos pintores Laxeiro, Goya e Picasso. O último concerto do mes da pintura estará maridado cunha exposición simultánea de cadros que inspiraron á música, e tamén de fotografías de 2 artistas galegos que se inspiraron na música e nos respectivos cadros.

No mes da literatura, abril, a BMSC, en colaboración coa Xunta de Confrarías de Santiago de Compostela, interpretará un oratorio de Pascua orixinal para banda e voces solistas con narrador, que será estrea nacional. Completarase a programación con outros 2 concertos sinfónicos no teatro, un deles inspirado na literatura infantil con contos para a rapazada e outro cunha perspectiva máis heteroxénea da literatura.

Para finalizar o ciclo coa escultura no mes de maio, está programado o concerto “Sonoridade das nosas pedras”, cun repertorio enteiramente galego, e pecharase a tempada cun director convidado Juan Miguel Romero Llopis, que tamén foi o director da Banda Municipal de Santiago.

As entradas para os concertos poderán adquirirse na páxina web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C na praza de Cervantes, ou unha hora antes no Teatro Principal ou no Auditorio de Galicia.