Friday 22 de November de 2024

O Concello completa a primeira fase dos traballos de mellora na contorna do muíño do parque de Santa Margarida


Medio Ambiente renovou os xardíns e o estanque, substituíndo tamén a carpintaría do muíño, que será obxecto dunha segunda intervención para recuperar a súa cuberta

A concelleira de Medio Ambiente e Sostibilidade, Esther Fontán, supervisou este mércores as melloras executadas na contorna do muíño do parque de Santa Margarida, onde o Concello iniciou, a finais do pasado mes de outubro, a primeira fase dun plan de intervencións orientadas a integrar o muíño co estanque lindeiro.

Os traballos centráronse na remodelación da contorna do estanque, o que supuxo a inclusión de catro novas áreas verdes con novos elementos florais, perennifolios, como azaleas, fieitos e heucheras, exemplares de sicómoro xaponés e tamén callaos de distintos calibres.

Ademais, en paralelo, o Concello acometeu tarefas de limpeza e mellora da carpintaría na estrutura do muíño, un elemento de alto valor simbólico no contexto do parque de Santa Margarida. A reforma da cuberta exterior do muíño executarase nunha segunda fase, para o que xa se ten solicitada a autorización a Patrimonio. Mentres, e en paralelo aos traballos de carpintería no muíño, Medio Ambiente completou, nesta primeira etapa das obras, a renovación integral do céspede que bordea o muíño.

Por outra banda, o Concello aproveitou esta intervención para mellorar e renovar o firme nos camiños de acceso ao muíño e ao estanque.

Os traballos, executados pola empresa Arce Jardinería, foron postos en valor pola concelleira de Medio Ambiente e Sostibilidade, que subliñou o compromiso do Goberno de Inés Rey “para recuperar e revitalizar un parque emblemático para todas e todos os cidadáns da Coruña, como é o de Santa Margarida, mostra de que este Goberno municipal aposta por recuperar a nosa historia a través, por exemplo, das nosas áreas verdes, como xa se fixo previamente cos xardíns de Méndez Núñez, o Campo de Marte e o xardín de San Carlos”.

Fontán apuntou, ademais, que os traballos que se están a executar en Santa Margarida están orientados a dotar o parque de “infraestruturas de futuro”. Entre outras cousas, na contorna do muíño instalouse tamén un sistema de rega automático para mellorar o mantemento da zona.

Os traballos para revitalizar o parque de Santa Margarida comezaron o pasado verán con actuacións no anfiteatro e nas áreas boscosas lindeiras, así como coa renovación do mobiliario urbano, seguidas pola intervención na área canina do parque e, xa máis recentemente, na contorna do muíño e o estanque.