Saturday 16 de November de 2024

O Concello habilita unha nova marquesiña interactiva nos Castros que ofrecerá información en tempo real aos usuarios


A parada conta con cámaras para informar de incidencias, do número de pasaxeiros ou de vehículos mal estacionados que entorpezan o servizo

O Concello da Coruña instalou no barrio dos Castros unha nova marquesiña interactiva na parada que se atopa á altura da avenida da Pasaxe, 15. Esta nova estrutura financiouse nun 80% co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A nova marquesiña conta con información en tempo real das diferentes liñas de autobúsurbano, notificacións sobre o tráfico da cidade e outro tipo de asuntos de interese para a cidadanía a través dunha pantalla.

Ademais, dispón de cámaras equipadas con sistemas baseados na Intelixencia Artificial, que permitirán ter un control instantáneo do número de persoas que suben e baixan do autobús, de posibles incidencias na contorna, dos tempos de agarda ou de vehículos mal estacionados na parada. O Concello disporá destes datos en tempo real para poder actuar e mellorar o servizo.

Ademais das pantallas informativas, dispón tamén dun módulo que permite ás persoas usuarias da tarxeta Millennium saber o saldo que teñen dispoñible. O conteo de usuarios da parada aportará datos que permitirán ao servizo de Mobilidade coñecer en detalle o fluxo de viaxeiros para permitir melloras no deseño das liñas.

A nova marquesiña súmase á tamén renovada durante o actual mandato no mesmo barrio, ubicada diante do ascensor que facilita, desde novembro do 2021, a accesibilidade á zona alta dos Castros, salvando parte do desnivel da avenida da Concordia.