Friday 22 de November de 2024

A Concellaría de Cultura xa ten todo listo para a visita anual dos Reis Magos a Carballo


Estamos na conta atrás da visita anual dos Reis Magos a Carballo e no departamento de Cultura xa o temos todo preparado para que o reencontro de Melchor, Gaspar e Baltasar coa rapazada, despois de dous anos de restricións, resulte o máis próximo, emotivo e seguro posible. E para que sexa así contamos coa colaboración dos servizos municipais de Protección Civil, Policía Local e Brigada de Obras, así coma da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e dos Bombeiros de Carballo.

A cabalgata de Reis sairá ás 17.30 horas do Centro Comercial Bergantiños-Gadis Híper. No seu percorrido pasará pola avenida Ponte da Pedra, a avenida de Malpica, Pedra Furada, rúa Mirtos, Fábrica, avenida das Flores, Rosas, Begonias, Camelias, Xasmíns, avenida da Cristina, Poñente, Luis Calvo, Alexandre Bóveda, avenida de Fisterra, Río Anllóns, avenida da Milagrosa, rúa Compostela, A Brea, Cemiterio, rúa Verdillo, Sol, Martín Herrera (parada na igrexa parroquial), Jacinto Amigo, Gran Vía, Doutor Fleming, avenida de Bergantiños, Vila de Ordes, Vila de Noia, Vila de Corcubión, Gran Vía, Vázquez de Parga, Camiño Novo, Ponte, Perú, Enrique Sánchez, Ánxel Fole, Valle-Inclán e Colón, onde rematará.

O percorrido ten unha duración aproximada de dúas horas, e este ano recuperamos a tradicional recepción dos Reis Magos aos nenos e nenas do vestíbulo da casa do concello. A partir das 19.30 horas, e ata a chegada das Súas Maxestades, na carpa instalada na Praza do Concello haberá animación musical co Picadiscos Mari Faltri.

A Concellaría de Cultura conta tamén coa colaboración do Grupo Dimolk, que achega os vehículos para a tracción das carrozas, e de Gadisa e CaixaBank, que doan caramelos.

As persoas que queiran saber en que punto se encontran as carrozas reais en cada momento ou que queiran seguir a cabalgata en streaming poderán facelo a través da plataforma www.carballoenrede.com.