Friday 22 de November de 2024

Os Reis Magos visitarán o próximo xoves, día 5 de xaneiro, o Belén Vivinte de Touro e repartirán agasallos


Os Reis Magos visitarán o próximo día 5 de xaneiro o Concello de Touro. As súas Maxestades de Oriente visitarán o Belén Vivinte, instalado no Pavillón Municipal de Deportes, a partir das 17.00 horas, onde haberá actuacións musicais e de maxia para animar o Festival de Reis, que organiza o Concello de Touro. Tamén está prevista unha chocolatada. Melchor, Gaspar e Baltasar tamén repartirán agasallos e caramelos.

A visita dos Reis o día 5 coincide coa celebración durante a mañá nas rúas de Fonte Díaz da tradicional Feira do Día 5, que ten lugar todos os días 5 de cada mes. O Concello de Touro informa que ás 15.00 horas os autobuses farán o percorrido de regreso da Feira, e recollerán ás persoas que desexen asistir ao Festival de Reis. Non está previsto que os autobuses fan o regreso ao remate da celebración da chegada dos Reis Magos.

As súas Maxestades de Oriente, xa pola mañá, farán o percorrido polas parroquias do Concello. A visita comenzará ás 10.45 horas no Campo da Festa de Quión. E seguirán Beseño (11.00 horas), Turces (11.10 horas), Circes (11.35 horas), Calvos (11.50 horas), Santirso de Cornado (12.05 horas), Andeade (12.15 horas), Novefontes (12.30 horas), Fao (12.45 horas), Riveira (13.00 horas), Enquerentes e Fontes Rosas (13.15 horas), Loxo (13.30 horas), Bama (15.15 horas), Prevediños (15.30 horas), Foxás (15.45 horas), Bendaña (16.00 horas) e Vilar (16.15 horas). Rematarán o percorrido no Pavillón Municipal de Deportes, en Fonte Díaz. A súa chegada está prevista para as 17.00 horas.