A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá este xoves 5 de xaneiro a tradicional Festa de Reis do Concello de Boqueixón. Un evento que dará comezo ás 17:00 horas, coa posta en escena do conto “Carapuchiña Vermella”, a cargo de Educateatro. Ás 18:30 horas dará comezo a tradicional recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar, que incluirá un sorteo de agasallos en colaboración con SBC Gasolineras.
A asistencia tanto ao teatro como á recepción é de balde, se ben é preciso anotarse antes en www.boqueixon.gal. Por cada familia poden apuntarse ata 4 nenos e nenas (de ata 10 anos de idade) así como dúas persoas adultas. As prazas outorgaranse por orde de inscrición, tendo en todo caso preferencia os nenos e nenas empadroados en Boqueixón e aquelas crianzas que estean matriculadas nalgún centro de ensino do municipio.