Saturday 16 de November de 2024

Os Reis Magos visitarán as diferentes parroquias o xoves pola mañá e ofrecerán dúas recepcións pola tarde na Casa das Palmeiras e no Roxal


De 11 a 13 h percorrerán o municipio, con paradas en puntos concretos para visitar aos nenos e nenas, antesala das recepcións reais previstas á tarde

Unhas horas antes de iniciar a súa viaxe por todos os fogares do mundo para deixar os agasallos, este xoves 5 de xaneiro, os Reis Magos visitarán Neda para realizar un percorrido matutino con paradas nas diferentes parroquias. Este será o itinerario e horario estimado:
-11:00 horas: contorna do local social de Viladonelle
-11:30 horas: inmediacións da igrexa de San Pedro de Anca
-12:00 horas: contorna do Forno de Liñares
-12:30 horas: paseo marítimo de Xuvia, xunto á ponte
-13:00 h: chegada ao campo da festa de Albarón

Así mesmo, xa pola tarde, a Cabalgata dos Reis partirá ás 16:00 horas da Curva do Bargo, no Puntal, cara a estación do tren para iniciar o percorrido ata a Casa das Palmeiras. Alí, sobre as 17:00 horas, as súas Maxestades participarán na primeira recepción real aos nenos e nenas de Neda, onde atenderán as súas peticións e recollerán as súas cartas. Partirán entón ata a pista deportiva do Roxal, onde sobre as 18:00 horas, volverán de novo a escoitar os desexos dos máis pequenos e pequenas da casa. Unha segunda recepción onde os presentes poderán degustar un chocolate con bola. Así mesmo, a Charanga da Carmiña encargarase de amenizar os itinerarios coa súa música e bo humor, fomentando o ambiente festivo da cita.

Durante toda a xornada, os Reis estarán acompañados por Protección Civil, a quen o Concello agradece a súa colaboración na iniciativa, así como a implicación da AVV San Pelaio do Roxal.