Ao longo dos vindeiros días manterá unha rolda de contactos con ‘hosted buyers’, touroperadores e firmas turísticas para informar sobre todas as vantaxes que ofrece o municipio no Camiño Inglés
O Concello de Ordes participa estes días no FairWay, o I Fórum Camiño de Santiago inaugurado hoxe na Cidade da Cultura e que se desenvolverá ata o vindeiro domingo.
Trátase dunha cita de grande importancia no circuíto dos distintos camiños de Santiago, no que o Camiño Inglés xoga un papel relevante e cheo de oportunidades para o municipio de Ordes. Unha posibilidade que o Concello quere aproveitar mantendo contacto con importantes touroperadores e hosted buyers de toda Europa, informándolles de todos os servizos e vantaxes que poden atopar ao longo do termo municipal. Arquitectura relixiosa, natureza, gastronomía, ocio nocturno, firmas comerciais de prestixio no ámbito da hostalaría e gastronomía, tradición, aloxamentos, rutas e moito máis é o que se dará a coñecer de Ordes ao longo dos diversos días. Unha iniciativa que se presenta como unha oportunidade de promoción única para os sectores hostaleiro, hoteleiro, comercial e de aloxamentos e que, tal e como manifestou o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, “non se pode deixar pasar xa que o Camiño Inglés se debe transformar nun camiño de oportunidades e un trazado de crecemento e progreso económico e cultural para todas e todos nós”.
Ademais dos contactos directos na área do workshop o Concello de Ordes tamén ten presenza en postos informativos. Este é o caso do da Deputación da Coruña, onde ademais da información de índole institucional tamén se pode acceder de balde a un bo número de documentos e folletos de casas rurais, restaurantes, hoteis, hostais etc de Ordes.