Friday 22 de November de 2024

O Concello dota á rúa da Torre e á avenida de Hércules de árbores e novas zonas verdes


A iniciativa responde ás peticións veciñais mediante os Orzamentos Participativos, e permítelle ao Goberno municipal continuar mellorando a calidade urbana do barrio de Monte Alto

O Concello da Coruña acaba de rematar os traballos decreación de novas zonas verdes e a plantación de árbores na rúa da Torre e na avenida de Hércules, no barrio de Monte Alto. Este proxecto é froito da demanda veciñal e formaba parte das iniciativas aprobadas nos Orzamentos Participativos.

A actuación dividiuse en dúas partes. Por unha banda, na praza de acceso ao Campo de Marte, xunto á rúa Curros Enríquez, creouse unha xardineira elevada na que se plantaron uns macizos arbustivos con cinco exemplares de acacias. Esta nova estrutura servirá tamén como lugar de encontro e descanso para a cidadanía. Por outra banda, na rúa da Torre, na súa parte máis próxima ao Campo da Leña, abríronse 12 alcorques para plantar outros tantos exemplares de ginkgos.

Neste mesmo sentido, na avenida de Hércules, estes días acometeuse outra actuación que consistiu na plantación de 15 carpes, moi parecidos aos que se colocaron na renovada rúa Compostela. Para levar a cabo esta acción houbo que executar traballos na beirarrúa.

O Goberno de Inés Rey continúa, deste xeito, levando a cabo obras que melloran a calidade de vida da cidadanía e os percorridos peonís dos barrios. Neste caso, no barrio de Monte Alto concretáronse traballos de humanización na travesía da Torre, onde tamén se instalaron novas zonas verdes. A concellaría de Medio Ambiente seleccionou en todos os casos árbores cuxo crecemento e desenvolvemento adáptase ao tipo de rúas nos que se sitúan, mellorando a calidade urbana do barrio.