O alumnado do IES Brión participaron no “Día do código no teu cole. Educar para innovar”, dentro da Semana Europea da Programación
Un cento de rapaces e rapazas do IES Brión, de 13 e 14 anos de idade, participaron esta mañá nos obradoiros “Día do código no teu cole. Educar para innovar”, incluídos na terceira edición da Semana Europea da Programación. Trátase dunha iniciativa organizada pola Deputación da Coruña, en colaboración coa Universidade da Coruña e o Concello de Brión.
Iolanda Bouzas, alcaldesa en funcións e concelleira de Ensino de Brión, e Cristina Couto, responsable de Información e Xestión de Europe Direct A Coruña, foron as encargadas de darlle a benvida aos seis grupos de alumnos e alumnas brioneses que tomaron parte na iniciativa. Iolanda Bouzas explicoulles aos rapaces e rapazas que o obxectivo deste programa “é achegarvos ao mundo da programación e que vexades que é moito máis sinxelo e divertido do que pode parecer”.
Videoxogos
Así, durante 50 minutos os rapaces programaron un sinxelo videoxogo no que un tabeirón se movía por un fondo mariño á caza de peixes. Un videoxogo que programaron usando Scratch, un programa moi visual e intuitivo no que os rapaces elixiron o deseño dos seus peixes e o seu movemento. Así mesmo, comprobaron como usando a tecnoloxía poden converter calquera elemento nun mando de videoxogo. A resposta foi moi positiva e o alumnado estivo moi atento e participativo, disfrutando cada un da programación personalizada do seu videoxogo.
As docentes de Europe Direct A Coruña, centro oficial de información da Comisión Europea dependente da Deputación herculina, explicáronlles aos rapaces que este tipo de seminarios forman parte da ensinanza regulada en Estados Unidos dende 1996, polo que os estudantes estadounidense parten dunha posición de vantaxe competitiva fronte aos estudantes españoles en materia de programación.
O IES Brión foi un dos tres centros escolares seleccionados na provincia para participar na Semana Europea da Programación, canda o IES A Cachada (Boiro) e o IES Isidro Parga Pondal (Carballo).