Friday 22 de November de 2024

A Concellaría de Cultura de San Sadurniño recupera para a tarde do mércores a obra “O Apalpador e a nena sen medo”


O Concello de San Sadurniño tivo que suspender o pasado 23 de decembro a representación da obra de monicreques “O Apalpador e a nena sen medo” por causa dun percance de tráfico sufrido pola compañía A Xanela do maxín. A cousa non foi grave, pero obrigou á compañía a modificar a súa programación movendo algunhas datas previstas para os días seguintes. Neste sentido, desde a Concellaría de Cultura optouse por recuperar a obra para antes de Reis e, así, a rapazada e as súas familias poderán gozar desta historia de ilusión e lingua na tarde deste mércores 4 de xaneiro a partir das 18:00h na Casa da Cultura. As entradas, gratuítas, poden reservarse no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

“O Apalpador e a nena sen medo” é unha proposta escénica e participativa dirixida a familias con nenas e nenos a partir dos 3 anos. A historia expón unha trama moi sinxeliña na que unha nena (a nena sen medo) lle escribe ao pandigueiro das montañas “pedíndolle palabras que lle enchan o corazon e que lle axuden a soñar”. Porén, preto da data en que virá o carboeiro, a pequena decátase de que esqueceu botar a carta na caixa do correo e, a partir dese momento, comezarán as súas peripecias para facerlla chegar.

Trátase dunha obra de bonecos inspirada nun poema de Sechu Sende que logo se convertería en libro da man de Celtia Figueiras e Sonia García en colaboración co proxecto educativo Semente Compostela. O peso da narración, ademais dos monicreques protagonistas, lévao Celtia Figueiras, quen ofrece neste vídeo algún dato máis sobre esta proposta escénica “de pequeno formato” incluída na Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Segundo Figueiras, o espectáculo “xurdiu da necesidade de dar a coñecer este personaxe do Nadal galego”, introducindo ademais a temática da lingua. “A nena protagonista vive na cidade e non fala galego…pero quere falalo, e entón pídelle palabras para poder facelo”.

Para asistir a “O Apalpador e a nena sen medo” -repetimos, o mércores 4 de xaneiro ás 18:00h na Casa da Cultura- hai un máximo de 100 entradas dispoñibles, que se poden reservar a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Chegada dos Reis na tarde do 5
E ao día seguinte, o xoves 5 de xaneiro, os Reis Magos de Oriente virán por San Sadurniño. Para recibilos como merecen, o Concello organizoulles unha festa que se desenvolverá no ximnasio do CPI de San Sadurniño desde as 17:00h con xogos, música e tamén unha merenda a base de chocolate e roscón.

Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán a última hora, a iso das 18:30 ou 19:00h, para recoller cartas e tomar nota mental das peticións de última hora que lles faga a cativería, antes de proseguir camiño polo resto da comarca e do mundo. Hai uns días mandaron recado de que é moi importante recollerse e deitarse cedo se queremos ter agasallos ao día seguinte pola mañá.