A planta alta do mercado convértese nunha gran zona de xogos infantís durante a semana de Reis
Como xa vos avanzamos, este Nadal imos ter moi ocupada á rapazada. Os primeiros días das vacacións escolares non estiveron nada mal, porque despois da animadísima Festa do Apego organizada polo Servizo de Normalización Lingüística coa que estreamos a programación infantil e que se celebrou ao longo de todo o día 23 na Biblioteca Municipal Rego da Balsa, a semana de Nadal foi espectacular, tanto polas actuacións de maxia, teatro e música organizadas pola Concellaría de Cultura dentro do Nadal Pequespectacular, que encheu o auditorio do Pazo da Cultura, coma polos obradoiros infantís promovidos pola Concellaría de Igualdade.
Fabricación de xoguetes con material de refugallo para os máis peques, e obradoiros de cociña, empaquetaxe creativa e customización de camisetas para os maiores centraron o programa Este Nadal xogamos para ser iguais, que trata de fomentar a educación en igualdade a través do xogo, ao tempo que afonda na promoción do xoguete non sexista, potencia a creatividade infantil, crea conciencia sobre a reutilización e a reciclaxe, apoia a conciliación e convértese nun elemento de dinamización do mercado municipal de abastos e do comercio local. Entre o 26 e o 30 de decembro desenvolvéronse un total de 10 obradoiros, en cada un dos cales participaron unha media de vinte nenos e nenas.
Na semana de Reis volverá a haber obradoiros e moitas outras actividades. No Museo de Bergantiños, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo estrea a nova exposición permanente con talleres tecnolóxicos para nenos e nenas de 8 anos, que tiveron tanto éxito que as prazas quedaron cubertas en moi poucos días.
Pero de novo haberá actividade no mercado municipal. Os días 2, 3 e 4 en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30, e o día 5, só pola mañá, xa que pola tarde celebraremos a tradicional cabalgata, a planta alta do mercado converterase nunha gran zona de xogos con ambientación de Nadal e todas estas propostas: un concurso para cambiarlle as rodas á camioneta de Nadal, inchables multixogos, xogos reciclados elaborados cos obxectos máis inverosímiles, concurso de ordeño da rena, talleres de globos e de figuras xeadas… Propostas para todas as idades e con entrada libre.