Saturday 16 de November de 2024

San Silvestre Neda


Máis de 300 atletas, federados e non federados, tomaban parte esta mañá na San Silvestre de Neda. Unha cita organizada polo Concello co apoio da Federación Galega de Atletismo e da Deputación, e coa colaboración imprescindible de Protección Civil, da Sociedade Cultural e Deportiva O Roxal, veciños e veciñas e unha morea de persoas voluntarias. O ambiente festivo inundou a pista deportiva do Roxal, en cuxas inmediacións se situou a saída e a meta dunha proba na que as ganas de desfrutar da última xornada do ano a través do deporte foi o máis importante. En canto a resultados, Iván Puentes Barcia (1º), Juan Rejas Gabeiras (2º) e o atleta local Jonathan Fernández Ríos (3º) subíanse ao máis alto do pódium na categoría absoluta masculina, e Begoña Pacio López (1º), Clara Díaz Martín (2º) e Carla Irles Castro (3º), na feminina. No acto de entrega de trofeos, presidido polo alcalde, Ángel Alvariño, tamén tomaron parte a concelleira de Deportes de Neda, Ángeles Puentes; a concelleira Cristina Bouza Bellón; o concelleiro de Ferrol Jorge Suárez; o presidente da Federación Galega de Triatlón, Javier Campos, e Marcelo Rodríguez, presidente do Club Ferrol Atletismo.

Na web da Federación Galega de Atletismo están dispoñibles os resultados: https://atletismo.gal/wp-content/uploads/2022/11/Resultados-SS-Neda-2022.pdf