Esta tarde deuse aviso de importantes desperfectos na presa do castelo de Naraío que poderían debilitar a resistencia da estrutura. Os danos, provocados posiblemente polas últimas enchentes, aféctanlle a aproximadamente un tercio do contraforte, de onde se desprenderon pedras e outro material de cimentación do encoro.
Trala comunicación da incidencia por parte de Hidroeléctrica Río Castro (antiga Electra del Narahío), titular da concesión, o 112 mobilizou pouco despois das 16:00h os Bombeiros do Eume e unha patrulla da Garda Civil de cara a avaliar o risco ante unha eventual rotura, tendo en conta que para esta fin de semana se prevén de novo fortes chuvias.
Por este motivo, desde o Concello de San Sadurniño queren trasladarse as seguintes advertencias:
-Está PROHIBIDO ACCEDER Á FERVENZA DO CASTELO e outros espazos situados inmediatamente a continuación da presa, como é o caso da central eléctrica
-Prégase tamén NON PERCORRER O SENDEIRO DO CASTRO nin achegarse á beira do río mentres non se coñeza o alcance real dos danos e, de ser necesario, mentres non se repare a estrutura
A empresa xa avisou a aquela veciñanza da zona que podería verse directamente afectada por un rebordamento súpeto do río (en principio só habería dúas vivendas do lugar de Riolimpo, unha delas deshabitada) e tamén balizou e colocou carteis de advertencia nos puntos que presentarían un maior perigo.
Ademais, desde o Centro Integrado de Emerxencias de Galicia CIAE 112 tamén se informou da incidencia aos responsables municipais dos concellos polos que discorre o Castro, que son San Sadurniño, Neda e Narón.
Segundo a táboa de riscos, o encoro está encadrado no tipo “C”, o máis baixo de todos, correspondente a presas cuxa posible rotura ou un funcionamento incorrecto poden producir unicamente danos materiais ou ambientais de moderada importancia e só incidentalmente a perda de vidas humanas.
A presa construiuse nos anos 30 do século pasado xusto ao pé do castelo medieval aproveitando un estreitamento natural do río, co obxectivo de manter e regular o nivel da auga que se envía mediante tubaxes á minicentral de 315 kW situada uns 300 metros máis abaixo seguindo o cauce do Castro, afluente do Río Grande de Xuvia.
Hidroeléctrica Río Castro tamén informou de que este luns se solicitarán as correspondentes autorizacións para acometer a reparación da presa, que en todo caso deberá agardar a que descenda o nivel da auga e que o tempo apouse.