A Concellaría de Cultura organizou para a noitiña de onte xoves un pequeno encontro musical de despedida de 2022 encabezado polo saxofonista e profesor Xoán Leis, quen explicou antes de botar unhas pezas coa participación do público como vai funcionar a escola de música moderna que se pretende poñer en marcha na Casa da Xuventude a partir do 11 de xaneiro. Nela poderán participar “desde nenos e nenas de 4 anos ata nenas e nenos de 100” co obxectivo de aprender a tocar distintos instrumentos e tamén distintos ritmos, como o rock, o jazz, o blues ou as variantes do denominado “latino”. Leis, como promotor da idea -que tivo unha boa acollida por parte to Concello e da veciñanza, con preto de 40 persoas preinscritas-, rodearase de profesorado titulado e aplicará un sistema “moi doado” que permite ir mellorando as competencias musicais dunha forma intuitiva e sen necesidade de coñecementos previos. Quen queira ampliar información ou anotarse, pode chamar ao 685 050 921.
O evento de onte estivo protagonizado pola música tradicional, cantando panxoliñas e outro repertorio galego con saxofón, gaita, tamboril, pandeireta, acordeón, caixa, cunchas e o apoio das voces do grupo de cantos de taberna. Unha velada foliadeira totalmente improvisada que, porén, deixou momentos musicais espectaculares e un tempo de lecer do que xente maior e rapazada puido gozar até pasadas as dez da noite entre cancións, chocolate con churros e o sorteo de pequenos agasallos.
A intención deste encontro aberto era xuntarse para darlle a despedida ao 2022, pero sobre todo para volver presentar o proxecto de escola de música moderna que Leis, en colaboración co Concello, pretende poñer en marcha en San Sadurniño cun único obxectivo: “Facer que a música chegue a todo o mundo dunha forma divertida, para pasalo ben e non só buscando o ámbito profesional”, asegura o profesor, quen conta no seu haber cunha ampla experiencia na dirección de bandas e como parte dos ventos en múltiples formacións, entre elas a de Roi Casal.
A escola non está pechada a ningún estilo nin instrumento, pero de acordo coas preferencias expresadas polas case 40 persoas que mostraron interese, inicialmente traballarase coa batería, guitarra eléctrica e os teclados, que poderían ampliarse máis adiante se hai demanda.
Rock, pop, jazz, blues, heavy ou os sons latinos son só algúns dos ritmos que, tamén en acordo coas preferencias de cadaquén, van traballarse sen necesidade de ter coñecemento previo. “Pódese empezar desde cero. Imos utilizar un sistema baseado en números moi doado para a xente que non sabe solfexo, con ritmos moi básicos e adaptados ás capacidades de cada alumno. A idea é facer clases colectivas con persoas cos mesmos intereses musicais. Por exemplo, se montamos un tema de AC/DC, contar con guitarra, ter baixista e ter a batería para que se mimeticen entre si e que os alumnos e alumnas se apoien uns nos outros”, explica Xoán Leis.
O profesor destaca que o método, xa probado, ofrece unha forma de aprendizaxe “amena” e adaptada “á sensibilidade de cada persoa, para que dentro das súas capacidade vexa como vai evolucionando”. Ademais, a aspiración final do proxecto de escola é que se poidan formar grupos “para tocar en directo música de todo tipo” e que incluso poidan gravar maquetas.
O Concello e o promotor da iniciativa teñen previsto iniciar o traballo da escola como experiencia piloto a partir do 11 de xaneiro. De momento non están fixados os horarios concretos, que se adaptarán no posible ás preferencias das persoas participantes. Tampouco está establecido o prezo, en espera de definir a maneira de integrar esta nova escola na oferta municipal. O que si está decidido é que as clases serán os mércores e que terán lugar na Casa da Xuventude, onde hai espazo dispoñible e incluso aulas insonorizadas.
Para obter máis información e para preinscribirse na escola de música moderna hai que chamar aos teléfonos 685 050 921 ou 610 826 120.