Monday 25 de November de 2024

Restricións no tráfico rodado mañá nun tramo da estrada de Castela pola celebración de “A Trintaeundoce”, a San Silvestre de Narón


A celebración, mañá pola tarde, da segunda edición de “A Trintaeundoce”, a San Silvestre de Narón, implicará unha serie de restricións no tráfico rodado mentres se desenvolva a proba nun tramo da estrada de Castela, concretamente o comprendido entre a Residencia San José de Piñeiros e a glorieta de Freixeiro. Dende as 16.00 ata as 17.30 horas permanecerá cortada ao tráfico, establecéndose unha serie de desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados e con indicacións de persoal de Protección Civil, tal e como indicou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero.

Un total de 538 persoas participarán neste evento organizado polo Concello e a Agrupación Deportiva Náutico de Narón. A saída e meta fixáronse nas inmediacións da glorieta de Freixeiro, e establecéronse varias categorías, con diferentes horarios de saída. As Master (1986 e anteriores) e Senior (2006-1987), sairán ás 16.45 horas para percorrer un tramo de 3.112 metros; Promoción (2013-2007), con saída ás 16.30 para un tramo de 1.556 metros e Pitufos (2004 e posteriores) que sairán ás 16.20 e horas e percorrerán 300 metros.

Dende o Concello solicítanse desculpas de antemán polas posibles molestias ocasionadas coas restricións que se levarán a cabo para ofrecer seguridade durante a celebración da San Silvestre naronesa.