Friday 22 de November de 2024

Fene restrinxe o tráfico na avenida do Concello por mor da festa de Aninovo


As previsións meteorolóxicas apuntan a que a noite virá pasada por auga, aínda que sen alertas por temporal

O Concello de Fene prosegue cos preparativos da festa coa que lle dará a benvida ao 2023 a partir das 01:00h do día de Aninovo. Unha hora despois de comermos as uvas, a carpa instalada na Praza do Alcalde Ramón José Souto González será punto de encontro para propios e alleos co obxectivo de gozar da primeira noite do ano como corresponde: con boa música, consumicións a prezos asequibles, unha decoración axeitada e un ambiente cálido tamén en canto á temperatura, xa que o recinto estará calefactado, ademais de contar con servizo de gardarroupa e aseos exteriores. As áreas de Seguridade, Servizos e Promoción económica e Turismo teñen preparada toda a loxística para que o evento sexa un éxito. Neste sentido, o Concello optou por restrinxir ao tráfico e o estacionamento a Avenida do Concello desde as 15:00h deste sábado até o mediodía do luns, aínda que o máis seguro é que a rúa volva quedar aberta xa ao mediodía ou primeira hora da tarde do domingo, unha vez que finalice o traballo do dispositivo especial de limpeza da zona.

Tal e como explica a responsable dos departamentos de Seguridade e Servizos, Sandra Permuy, a decisión de deixar a avenida libre de tráfico e de vehículos estacionados responde á necesidade de “facilitar o traballo de montaxe da orquestra, do picadiscos e do servizo de barra, que prevé movemento de camións e furgóns durante toda a tarde do sábado e tamén á mañá seguinte para a recollida”.

A concelleira engade, por outra banda, que o Concello contratou un servizo especial de limpeza que empezará a traballar a partir de media mañá do domingo “para que a zona quede o máis limpa posible xa o día de Aninovo” e que, ademais, ao día seguinte, se for necesario, tamén se repasarían as inmediacións da festa coa varredora e a brigada municipal. “Na festa vai haber suficientes papeleiras e colectores e tamén imos instalar aseos amplos e adaptados a persoas con mobilidade reducida. Confiamos na responsabilidade da xente e seguro que ao remate non vai ser necesario facer unha limpeza intensa. Pero, en calquera caso, o dispositivo témolo preparado”, apunta Permuy.

Por estas razóns, a circulación e o estacionamento na rúa paralela á casa consistorial quedarán prohibidas a partir das 15:00h deste sábado 31 de decembro e, en principio, o tránsito non se restablecería até o luns 2 ás 12:00h. Con todo, segundo a responsable de Servizos, “é moi posible que a Policía Local retire os valados o domingo mesmo, se se ve que o espazo quedou perfectamente limpo e que non será necesario utilizar a varredora municipal ao día seguinte”.

Orquestra, picadiscos e chocolate con churros antes de recollerse
A festa de Aninovo organizada pola Concellaría de Promoción económica e Turismo de Fene comezará ás 01:00h e contará coas actuacións da Orquestra Miramar e o picadiscos DJ Frank Fairlane. Ademais, ao remate tamén se servirá de balde chocolate con churros.

A carpa, decorada para a ocasión, disporá de calefacción, dunha barra de 15 metros e servizo de gardarroupa, polo que “teremos as mesmas comodidades que nun recinto pechado”, apunta a concelleira Ángeles Coira.

O único inconveniente será o mal tempo que anuncia Meteogalicia. Hai aviso laranxa por vento e intensas chuvias ata o mediodía deste sábado, aínda que as predicións tamén informan de que as condicións adversas irán indo a menos durante a xornada ata quedar só nunha noite pasada por auga “que non cremos que vaia restarlle afluencia á festa”.