Friday 22 de November de 2024

A exposición itinerante “Xuventude Crea: máis dunha década” chega á Coruña para amosar as creacións da mocidade galega


— O centro Mans da Fundación Paideia é a última sede desta mostra que percorreu gran parte da xeografía galega dando a coñecer os traballos premiados neste certame

— Recibiu máis de 35.000 visitas nas diferentes instalacións que a acolleron

— Máis de 4000 persoas entre os 18 e os 30 anos de idade levan participado nas catorce edicións xa celebradas deste certame, a través das que se deron a coñecer unhas 3000 obras e proxectos

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022.- A exposición itinerante Xuventude Crea: máis dunha década amosa ata o 31 de xaneiro no centro Mans da Fundación Paideia, na Coruña, as creacións da mocidade galega que participaron neste certame durante os últimos anos. Esta será a última sede dunha mostra que percorreu boa parte da xeografía galega amosando a creatividade, o enxeño e a innovación de noveis artistas da Comunidade.

Desde que comezou o seu percorrido, en maio do 2021, esta exposición recibiu máis de 35.000 visitas. Durante este tempo pasou polo mercado municipal de Ribeira, polo Espazo Xove de Lalín, polo Museo do Mar de Galicia en Vigo, polo Espazo Xove de Tui, polo Café Moderno de Pontevedra, pola biblioteca pública de Lugo e Ourense Nós, polo Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, pola sede Afundación Abanca en Ferrol e polo Espazo Xove de Noia.

O programa Xuventude Crea leva trece anos premiando a creatividade da xuventude galega. Máis de 4300 persoas entre os 18 e 30 anos de idade levan participado nas catorce edicións que se teñen celebrado ata a data de hoxe, a través das que se difundiron arredor de 3200 obras e proxectos creativos. Ademais de dalas a coñecer a través desta exposición itinerante, todas as creacións premiadas ao longos dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal.

Éxito da edición deste ano
A edición deste ano 2022, que acaba de rematar, contou coa participación de 350 artistas que presentaron 280 obras. As disciplinas que se premiaron foron: teatro, música, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprendeu as modalidades de pintura e escultura).

Como novidade neste 2022, produciuse o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.