Repartiranse en torno a 2.500 euros en premios entre os seis participantes.
O concurso de panxoliñas “María Angeriz Tuset” regresará mañá á Casa da Cultura da Laracha a partir das 19:30 horas cunha nova edición presencial despois de que, por causa da pandemia, a do ano pasado fose virtual e no 2020 non se realizara.
Este certame vai dirixido a asociacións culturais e coros parroquiais do municipio e organízase desde o Concello no marco do programa municipal de Nadal cos obxectivos fundamentais de fomentar o espírito destas datas e apoiar economicamente ás entidades participantes.
Nesta ocasión haberá seis grupos participantes: dous da Asociación Cultural Santa María de Torás -un deles, de nenos-, “Larapeteiros” da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco, Coro As Salseiras de Caión, Coro parroquial xuvenil Santa María de Torás e Coro Xuvenil Santiago de Vilaño.
Neste ano cada grupo participante interpretará unha única panxoliña. Durante a deliberación do xurado, que estará formado por compoñentes do tecido asociativo municipal, a espera será amenizada coa actuación do Mago Xacobe.
Polo feito de participar, cada grupo ten garantida unha gratificación de 200 euros, á que se engadirá o galardón que acorde outorgar o xurado estando establecidas catro categorías de premios dotadas con 300, 250, 200 e 175 euros respectivamente. Por tanto, prevese repartir en total máis de 2.500 euros en premios.
A entrada á Casa da Cultura para asistir ao concurso como público é libre e gratuíta.