Friday 22 de November de 2024

Concello e Xunta subvencionaron 68.344 viaxes en 2021 no marco do Plan de Transporte Metropolitano


O Concello anima á cidadanía a beneficiarse deste programa que mellora a competitividade do transporte público e favorece a mobilidade sostible.

Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, vén de notificar ao Concello da Laracha os datos oficiais da anualidade 2021 do Plan de Transporte Metropolitano.

O documento indica que o número total de viaxes en autobús con saída ou destino no termo municipal da Laracha que foron subvencionadas aos usuarios deste programa no ano pasado foi de 68.344.
Practicamente dous terzos desas viaxes (en concreto, 44.592) foron no traxecto desde calquera das paradas de autobús do Concello da Laracha con destino na cidade da Coruña ou viceversa. Arteixo (9.030) e Carballo (7.274) son os outros dous municipios con maior número de viaxes bonificadas. Tamén salientable é o número de traxectos subvencionados entre dúas paradas do termo municipal da Laracha (6.792). En menor medida tamén se realizaron viaxes a outros municipios que forman parte do Plan, como son Cerceda, Culleredo, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Miño, Oleiros, Ordes e Sada.

As persoas empadroadas no Concello que desexen beneficiarse do programa deben solicitar nunha oficina de Abanca as súas tarxetas-moedeiro de transporte público de Galicia, que teñen carácter persoal e intransferible. As vantaxes deste plan consisten nunha redución nunha media do corenta por cento (depende do número do saltos) no prezo dos billetes das viaxes en autobús dentro do municipio ou con destino a outros concellos integrados no Plan de Transporte Metropolitano. Ademais, poden realizarse transbordos gratuítos durante os noventa minutos seguintes ao inicio da viaxe, incluídos os buses urbanos da cidade da Coruña.

Ademais, as persoas menores de 21 anos de idade poden solicitar –tamén nas oficinas de Abanca- a tarxeta Xente Nova de transporte metropolitano de Galicia, que permite realizar sesenta viaxes interurbanas gratuítas cada mes entre os municipios adheridos ao programa.
O Concello anima a cidadanía a beneficiarse das vantaxes que ofrece o Plan de Transporte Metropolitano, programa a través do que a Xunta de Galicia e o Concello están a mellorar a competitividade do transporte público e favorecer a mobilidade sostible.