Friday 22 de November de 2024

O Goberno de Inés Rey obtén 9 millóns de euros para financiar a construción da futura estación intermodal


O BOE confirma a axuda que xa fora comprometida pola ministra Raquel Sánchez na súa visita institucional á cidade

O voceiro municipal e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, anunciou esta mañá no pleno extraordinario que o Goberno de España vén de conceder unha subvención nominativa ao Concello da Coruña de 9 millóns de euros para o financiamento da construción da futura estación intermodal da cidade.

Esta axuda publicada no BOE forma parte das achegas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana contempladas no Programa para a implantación de Zonas de baixas emisións e a transformación do transporte urbano e metropolitano. Unha subvención fora comprometida pola ministra Raquel Sánchez a alcaldesa Inés Rey na súa visita institucional á cidade o pasado 17 de outubro e que agora se confirma coa súa publicación no BOE.

O Goberno municipal empregará eses 9 millóns de euros nas obras municipais comprometidas no proxecto da futura estación intermodal. “Unha vez máis Inés Rey demostra sobradamente a súa capacidade de negociación e liderado coa consecución desta axuda tan relevante para as arcas municipais”, declarou José Manuel Lage.

Deste xeito, o Goberno de España corrixe a falta de reparto de fondos europeos Next Generation para esta actuación por parte da Xunta de Galicia, que non cedeu parte desas axudas á cidade e, así, o Concello non terá que asumir con fondos propios esa inversión de 9 millóns de euros.