Friday 22 de November de 2024

O pleno aproba o convenio entre o Concello e a Xunta para a tramitación dos terreos e para os accesos do novo CHUAC


Fran Diaz: “O Concello cumpre co CHUAC, agora tócalle a Xunta que non ten o Plan de Interese autonómico nin o proxecto de urbanización aprobado para poder empezar as obras”

O pleno aproba a Conta Xeral de 2021 que pon de manifesto a situación saneada e de solvencia das contas municipais

O pleno do Concello aprobou esta mañá o convenio entre o Concello e a Xunta para a tramitación dos terreos necesarios para a execución das obras do novo CHUAC e para a execución dos accesos dende a rede viaria de alta capacidade. O concelleiro de infraestruturas e mobilidade Fran Díaz destacou que neste novo convenio concrétanse os compromisos tanto por parte da Consellería de Sanidade, como polo Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Infraestruturas, así como os compromisos do Concello da Coruña referidos tanto ás actuacións relativas á adquisición dos terreos necesarios para a construción do novo recinto hospitalario así como para a execución das obras necesarias para realizar os accesos e conexións viarias ao novo hospital. Igualmente, contémplanse as actuacións relativas á execución das obras de urbanización e infraestruturas necesarias para os accesos e conexións viarias.

Fran Díaz destacou que o compromiso do Concello da Coruña queda de manifesto cos 22 millóns de euros de aportación que fará o goberno municipal. “Establecemos no convenio compromisos claros de actuación e de financiamento, así como as cantidades que se achegarán en cada anualidade para cada fin. Estas anualidades recollen como non podía ser doutro xeito a cantidade que se tiña orzamentada para 2022”.

O concelleiro destacou tamén a colaboración entre os equipos técnicos do Concello e da Xunta de Galicia para realizar melloras que diminuíron significativamente o impacto dos accesos ao novo Hospital sobre a súa contorna inmediata e sobre a Ría do Burgo. Subliñou que tamén se facilitou a procura dun ámbito no termo municipal no que poder trasladar a aquelas familias que así ou acorden dentro do futuro proceso de expropiación así como a tramitación do cambio de uso de varias parcelas dotacionais no ámbito do O-8/QG de espazo libre e equipamento en Curramontes, un ámbito que a Xunta quere dedicar ao novo hospital de pacientes.

“O concello cumpre co seu compromiso e cunha Xunta que anunciou que tería aprobado o Plan de Interese Autonómico no verán e hoxe en día non o ten nin aprobado inicialmente.

Non busquen máis escusas neste Concello. Porque a realidade é que cando hoxe salgamos deste pleno con este documento espero que aprobado, os coruñeses seguirán sen ver unha soa pala no novo CHUAC porque a Xunta ten o Plan de Interese Autonómico sen aprobar, o proxecto de urbanización e novos viais sen redactar e os expedientes urbanísticos relativos ao novo hospital de pacientes sen tramitar” destacou Díaz. “Xa non hai escusas, póñanse a traballar, o Concello segue estando onde estivo desde 2019, apoiando o proxecto e dando todos os pasos necesarios para que se faga realidade” engadou.

O concelleiro insistiu en que por parte do goberno de Inés Rey se dará toda a colaboración e todo o apoio como ata o de agora á Xunta de Galicia para o impulso do Novo CHUAC e pediulle á Xunta que non poña excusas e que non busquen conflito onde non o hai.

Debate Conta Xeral

No pleno aprobouse tamén a Conta Xeral de 2021 sobre a que o portavoz do goberno destacou que “a situación financeira deste Concello é unha situación saneada e de solvencia, tanto no curto como no medio e longo prazo, cun elevado nivel de execución e cun equilibrio entre ingresos e gastos que certifica a saúde financeira desta Administración”.

Un ano máis, o Concello pecha o seu exercicio cun resultado positivo, rematando o exercicio con 7.028.202 euros de remanente de tesourería para gastos xerais, unha cifra que dá conta da boa execución orzamentaria mais tamén da prudencia financeira do Goberno municipal á hora de administrar os recursos públicos.

Lage destacou que a débeda municipal “queda a día de hoxe no 16.38% sobre o total do orzamento, cando a normativa permite chegar ata o 75% en circunstancias normais”.
A Conta Xeral reflicte tamén o bo funcionamento do servizo de contratación que, desde a súa reestruturación, levada a cabo pola alcaldesa en novembro do 2019, vén de mellorar en todos os indicadores, tamén no volume de contratación, cunha adxudicación total superior aos 197 millóns de euros.

Tamén destacou a mellora considerable no Período Medio de Pago a Provedores, no 2021 o PMP seguiu a mellorar para pechar o ano con todos os meses por debaixo dos 30 días fixados pola actual normativa. “Este ano vamos polo mesmo camiño e cumpriremos de novo cunha norma que ningún Goberno antes do de Inés Rey cumpriu con igual rigor” asegurou.

Modificativo

O pleno aprobou tamén de forma definitiva o modificativo que supuña avanzar en investimentos que suman cerca de 5,5 millóns de euros e que tiña como fin, incluír o financiamento preciso para os accesos á Cidade das TIC, axudas para o reequilibrio financeiro do Club del Mar, subvencións para o sector do taxi por 155.000 euros, 725.000 euros para a promoción de actividades culturais e investimentos para a mellora do ENIL da Torre, entre outros. Tamén incluía o modificativo unha partida de 644.733 euros destinada á finalización das obras do campo de fútbol de Eirís sen incluirse as alegacións presentadas que solicitaban unha grada para o campo porque tal e como explicou Lage “suporía a paralización do proxecto”. Lage comprometeuse a que se incluiría a grada para o campo nos orzamentos de 2023.