O voto contrario da oposición fará que o Concello teña que pagar 2,8 millóns de euros en cumprimento da sentencia xudicial
O voceiro do goberno, José Manuel Lage advertiu da responsabilidade da oposición por votar en contra do acordo do goberno co SIEPSE para pagar 600.000 euros menos pola titularidade do cárcere.
Lage lembrou que a sentencia “hai que acatala” e ao votar en contra do acordo que supoñía unha quita, o Concello se verá obrigado a pagar 2,8 millóns de euros. O goberno tratou de buscar un acordo que fose menos gravoso para o Concello, “unha saída pactada que nos evite unha nova sentenza condenatoria aínda máis gravosa” afirmou Lage. Por tanto lamentou que a oposición decida pagar máis en lugar de pagar menos e a prazos.
Lamentou que “o nivel de irresponsabilidade da oposición sexa mais elevado do que se presupoñía” obrigando ao Concello a pagar 600.000 euros máis en execución da sentencia.
Recordou que o convenio de 2005 asinado polo goberno de Francisco Vázquez supuña para o Concello afrontar un pago ao SIEPSE de 1.122.772 euros para recuperar a titularidade da antiga prisión, ademais dunha permuta por unha parcela de 9.000 metros cadrados, a mesma que hoxe ocupa o centro de reinserción. En 2013 o PP, entón no Goberno, decide incumprir o convenio e declaralo nulo. Esa decisión acabou impugnada nos tribunais pola outra parte asinante, o SIEPSE e, despois de que os tribunais lle deran a razón, a factura hoxe ascende a 2.812.710 euros, case a tripla do estipulado no convenio do 2005.
O voceiro lembrou que hai unha sentencia de setembro de 2020 que hai que acatar. “Aquí había un convenio polo que se pagaba 1,1 millóns polo cárcere, o PP decidiu que non lle valía e a consecuencia do recurso do PP, a día de hoxe o custe é xa de 2,8 millóns de euros” destacou. Lage subliñou que “17 anos despois é este goberno municipal é o único que trae unha solución ao problema despois de que xa pasaran todos os grupos municipais polo goberno. Os desexos están ben pero despois hai que vivir na realidade”. O voceiro pediu responsabilidade e que a oposición asuma que son os que deciden que pagamos mais. “O goberno propón que se paguen 600.000 euros menos do que obriga a sentencia, a oposición debe asumir as súas responsabilidades porque as sentencias hai que acatalas” asegurou.
Lage pediu que se votase o punto de forma nominal por si puidesen extraerse responsabilidades do voto de cada un dos concelleiros ao votar en contra dos intereses xerais do Concello.