Saturday 16 de November de 2024

24 decoracións participan no “Engalana o teu concello” de San Sadurniño


As persoas participantes entrarán no sorteo de vales canxeables no comercio e na hostalaría locais

O Concello de San Sadurniño pechou hai uns días o prazo de envío das imaxes participantes na edición 2022 de “Engalana o teu concello”, a iniciativa coa que se animou á veciñanza a adobiar polo Nadal as súas casas, negocios e incluso espazos públicos, reforzando neste último caso a propia decoración instalada polo consistorio en distintos puntos. En total recibíronse preto de 70 fotografías -pedíanse 3 por decoración- que testemuñan a creatividade e o esforzo para darlle a San Sadurniño un ambiente festivo. Todas as propostas, un total de 24 encadradas en tres categorías, entrarán no sorteo de vales canxeables na hostalaría e no comercio local. As imaxes de “Engalana o teu concello” xa están dispoñibles nunha galería publicada no Facebook municipal.

En “Engalana o teu concello” convocáronse tres apartados: o colectivo, centrado no engalanamento de espazos públicos por parte de grupos de 2 a 5 persoas; o individual para a decoración de vivendas; e o dirixido a premiar as decoracións de establecementos ou negocios.

No apartado colectivo participan catro montaxes situadas no Campo da Feira (San Sadurniño), no Local Social de Lamas, na área de descanso da Pena da Meda (Igrexafeita), e no lugar de Pontellas, en Ferreira. En canto a establecementos comerciais, ao certame presentaron decoracións Agro Muíño, en Lamas; o Bar Eladio, de Naraío; e, en San Sadurniño, o Café-Bar DZINE, a Estación de Servizo Sansa S.L. e o Supermercado Outeiro.

A maior participación volveu darse na categoría individual, cunha quincena de propostas distribuídas por todas as parroquias. Atendendo ao fío condutor das festas do Nadal, Aninovo e Reis, a veciñanza botoulle imaxinación reaproveitando materiais -na maioría recicláronse ou déuselles novo uso a obxectos que se tiñan pola casa-, utilizando elementos vexetais ou naturais -plantas, pólas, follas, paus e madeira- e, tamén en boa parte dos casos, engadindo luces, mensaxes de felicitación e outros moitos detalles alusivos a estas datas.

Entre as persoas participantes sortearanse 12 vales de 50€ cada un na categoría individual, canxeables no comercio local; 6 vales para xantares ou ceas (5 persoas/vale) no apartado colectivo; e 1 vale para catro persoas, tamén canxeable por un xantar ou unha cea, que se sorteará entre os negocios locais.

As rifas terán lugar no Salón de Plenos do Concello o 4 de xaneiro ás 12:00h e os premios entregaranse o día 7 á mesma hora na Casa da Cultura, coincidindo ambas datas coas dos sorteos e entrega de lotes da campaña de dinamización do comercio “No Nadal, consumo local”, tamén en marcha durante todo este mes de decembro.