O show celebrará cinco funcións durante os días 28, 29 e 30 de decembro dentro da programación de Nadal do teatro
As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com, no despacho de billetes da praza de Ourense e no Colón os días de función
O espectáculo circense “Galtük. Un sueño de Navidad” chega á Coruña este Nadal, con cinco actuacións no Teatro Colón os días 28, 29 e 30 de decembro. Conta a historia dunha nena valente e intrépida, que vive todo tipo de aventuras acompañada de divertidos personaxes que a axudarán a avanzar superando as adversidades.
As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com, no despacho de billetes do Teatro Colón os días de espectáculo desde dúas horas antes e tamén na praza de Ourense. Os horarios das funcións serán o mércores 28 de decembro ás 19.00h, o xoves 29 con dobre función ás 16.30h e ás 19.00h e, por último, o venres 30, ás 12.30h e ás 16.30h.
Un novo espectáculo para toda a familia repleto de acrobacias, trapecistas e clowns creando unha atmosfera chea de maxia, luz e cor que explora a infancia e os soños. O fío argumental deste espectáculo é a historia desta nena, que soña que lle desaparecen os seus xoguetes e sae en busca deles en compañía doutros xoguetes, que son personaxes de circo. Un espectáculo familiar ideado para divertir e emocionar a públicos de todas as idades.
Da unión da espectacularidade do novo circo con referentes como O circo do Sol, e a maxia das historias de Disney, Galtük transpórtanos a un mundo sorprendente. Tras exitosas tempadas no Nadal do Circo Price, en Italia no Teatro Vaticano ou co Cirkus Roncalli en Alemania no teatro Tempodrom, entre outros. A nivel técnico, o espectáculo é un circo de gran formato cunha estética artificiosa, un vestiario e unha posta en escena asombrosa, todo iso froito do traballo da compañía, o seu creador Abel Martín e o seu equipo, que colaboran desde hai máis de 20 anos.
O nome de Galtük nace da unión de Galicia e Batukada, a inspiración e o lugar onde naceron os soños da compañía. Un grupo circense creado hai 22 anos en Galicia con obras como Ekus, Circo de Nadal, Circo Acuático ou a Cincenta, que percorreu países como México, Francia, Alemaña, Turquía, Portugal, Grecia, Corea ou China.