Friday 22 de November de 2024

Rueda destaca o traballo da Xunta para colocarse en cabeza nas esixencias de transparencia e bo goberno


O vicepresidente inaugurou a Xornada “Como adaptarse á Lei de Transparencia. Os retos da calidade democrática”

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou a Xornada “Como adaptarse á Lei de Transparencia. Os retos da calidade democrática”, onde destacou o traballo da Xunta nos últimos anos para colocarse á cabeza nas esixencias de transparencia e bo goberno, e recuperar a confianza dos cidadáns.

A aprobación dunha nova normativa básica en materia de transparencia e bo goberno a nivel estatal, que entrará en vigor para as Comunidades Autónomas a finais deste ano, facía necesario adaptar a lexislación galega en materia de transparencia.

A Xunta, lonxe de facer unha mera adaptación á normativa estatal, optou por unha renovación total e hoxe hai un proxecto de lei no Parlamento galego que volve a ser pioneira -como xa o fora a súa predecesora de 2006- e representa un decidido “salto cualitativo”.

A nova lei non só renova totalmente o marco da transparencia na actividade pública senón tamén do bo goberno. Así, amplía o control sobre incompatibilidades, limita as actividades dos gobernos en funcións e regula os procesos de traspaso de poderes, entre outras novidades.

Programa de Impulso Democrático
A normativa de transparencia foi o último dos grandes obxectivos do Programa de Impulso Democrático da Xunta, un paquete de reformas lanzadas a principios deste ano co obxectivo de incrementar a participación da cidadanía no impulso e no control das actividades das administracións públicas.

Deste paquete xa está en vigor a lei que restrinxen, máis alá do xa restrinxido marco estatal, as doazóns aos partidos políticos; a que dota ao Consello de Contas de competencias para previr a corrupción administrativa e a que permite á cidadanía galega introducir a trámite parlamentario preguntas e iniciativas de impulso de goberno.

No mesmo sentido, na lexislatura pasada introducíronse varias melloras esenciais na transparencia. Fixéronse públicas as declaracións patrimoniais dos membros do goberno, homoxeneizáronse as retribucións de todo o persoal directivo das entidades instrumentais e creouse unha Plataforma de Contratos de Galicia na internet, con todos os datos e documentos sobre os diferentes pasos dos procesos de contratación.

Así mesmo, na anterior lexislatura tamén se rebaixaron á metade os límites baixo os que se permiten as adxudicacións directas de contratos e esixíuselle ás administracións locais que, para poder recibir subvencións autonómicas, debían ter enviado antes as súas contas ao órgano fiscalizador.

Todas estas medidas completáronse o ano pasado coa aprobación do primeiro Código Ético Institucional da Administración autonómica, que serve de manual deontolóxico e guía de boas prácticas para os cargos públicos e o conxunto dos empregados da Administración autonómica no desempeño das súas funcións

A xornada
O vicepresidente da Xunta participou nesta inauguración xunto ao decano da Facultade de Dereito, Luis Míguez, e ao director do Centro de Estudos de Seguridade da USC, José Julio Fernández Rodríguez.

A xornada continuará cunha serie de relatorios nos que se abordarán asuntos como a confección das páxinas web de transparencia, a implantación da lei de transparencia estatal nos concellos ou o control e avaliación da transparencia, entre outros.

Esta tarde, ás 16,30 horas, a directora de Avaliación e Reforma Administrativa da Xunta, Natalia Prieto, ofrecerá un relatorio sobre “A transparencia como política pública”.