Friday 22 de November de 2024

O Concello e a Asociación Antidroga Vieiro renovan o convenio de colaboración para a prevención das drogodependencias


O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe un novo convenio anual de colaboración coa Asociación Antidroga Vieiro, que estivo representada pola súa presidenta, Fina Rey, e o seu vicepresidente, Xosé María Arán. Ao acto, celebrado este mediodía na Alcaldía, asistiu tamén a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures. O Concello realizará unha achega de 6.000 euros para financiar o programa de prevención da exclusión social que promove a entidade, cuxos representantes agradeceron a colaboración municipal.

O obxecto do convenio é o desenvolvemento por parte da Asociación Antidroga Vieiro dos programas de saúde e prevención en drogodependencias e outras condutas adictivas nos ámbitos comunitario, escolar, familiar, xuvenil e laboral, ademais do programa de formación e información. Con respecto a este último, segundo o balance anual que vén de presentar a entidade, no 2022 foron atendidas un total 349 persoas.

Ademais do convenio de colaboración para loitar contra a exclusión social, a Asociación Vieiro tamén recibe este ano 7.166,95 euros para o desenvolvemento do programa escolar de educación afectivo-sexual Quéreme ben, neste caso con cargo á liña de subvencións convocada pola Concellaría de Igualdade e Benestar para as entidades que desenvolven o seu labor no ámbito social.