Saturday 16 de November de 2024

O programa “Coidados Porta a Porta” da Xunta de Galicia atendeu a 28.000 maiores durante este ano


— As unidades móbiles desta iniciativa percorreron todos os concellos galegos, agás as sete cidades, achegando servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria

— A provincia que máis beneficiarios rexistrou foi a da Coruña con 8600, seguida da de Ourense con 7100, Pontevedra con 6200 e Lugo con preto de 6100 usuarios

— O vindeiro luns retomará a súa actividade e achegarase a Betanzos, Coirós, Baleira, Ribeira de Piquín, Leiro, A Lama, Os Blancos e Baltar

— Está dirixido a persoas maiores de 55 anos que tan só terán que solicitar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben no enderezo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal

O programa Coidados porta a porta da Xunta de Galicia atendeu a 28.000 persoas maiores de 55 anos durante este ano 2022. Este servizo ofrece servizos 100% gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria e percorre todos os concellos galegos agás as sete cidades. A provincia que máis beneficiarios rexistrou foi a da Coruña con 8600, seguida da de Ourense con 7100, Pontevedra con 6200 e Lugo con preto de 6100 usuarios.

O vindeiro luns retomará a súa actividade e achegarase aos concellos de Betanzos, Coirós, Baleira, Ribeira de Piquín, Leiro, A Lama, Os Blancos e Baltar. As persoas interesadas en beneficiarse deste programa tan só terán que pedir cita nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

O Coidados porta a porta permite levar ao carón dos fogares das persoas maiores de 55 anos servizos sociosanitarios de balde, sen necesidade de que se teñan que desprazar. Os autobuses deste programa permanecen durante varias xornadas no mesmo municipio e realizarán varias visitas ao longo do vindeiro ano 2023.

Este programa itinerante é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego de achegar os servizos ao carón das persoas maiores para que poidan vivir esta etapa das súas vidas onde eles prefiran. Con este obxectivo, ademais de Coidados porta a porta, estanse a reforzar outras prestacións públicas para que os maiores que viven en concellos pequenos teñan as atención que necesitan para seguir coas súas vidas nas súas contornas.

SAF, teleasistencia, casas do maior e xantar na casa
Así, o Executivo autonómico deu un forte impulso ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ao que se destinan máis de 100 millóns de euros ao ano para levar coidados profesionais aos domicilios de preto de 25.000 galegos; e deseñou unha nova estratexia de teleasistencia para que, a día de hoxe, aproximadamente 10.000 maiores conten con apoios tecnolóxicos nas súas vivendas.

Ademais, puxéronse en funcionamento un centenar de casas do maior, pequenos centros de atención diúrna para favorecer o envellecemento activo e saudable nos concellos de menos poboación; e reforzouse o programa Xantar na casa, co que se leva a comida de toda a semana a 2000 fogares.