— Valoran a capacidade de superación do alumnado de 4º de ESO fronte ás dificultades de tipo persoal, educativas ou de contorno familiar e sociocultural
— A contía de cada premio increméntase un 25% nesta convocatoria
Un total de 20 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) veñen de resultar galardoados cos premios da Xunta de Galicia ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2021/22, tal e como poden consultarse no Diario Oficial de Galicia.
Estes galardóns, que cada ano convoca a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, recoñecen a capacidade de superación destes alumnos que estudaron nese curso 4º de Educación Secundaria Obrigatoria e conseguiron superar as súas dificultades de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar ou sociocultural, no marco dun ensino comprensivo e integrado. Para tal fin, a Consellería destina un total de 20.000 euros para estes premios a razón de 1000 euros por cada un dos 20 galardóns que se conceden, un 25% máis ca o ano pasado.
Cómpre subliñar que o obxectivo final destes galardóns é que os premiados sexan un exemplo para compañeiros en situacións similares, poñendo en valor o especial esforzo que supón acadar o éxito na escola para os estudantes que proceden de contornos socioculturais desfavorecidos, de contornos familiares disfuncionais, en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal ou a súa inserción social.
Relación de centros con estudantes galardoados:
| Provincia | Concello | Centro educativo |
| A Coruña | Ames | IES Plurilingüe de Ames |
| A Coruña | Arteixo | IES Manuel Murguía |
| A Coruña | Carballo | IES Monte Neme |
| A Coruña | Culleredo | IES Rego de Trabe |
| A Coruña | Ferrol | IES Ferrol Vello |
| Lugo | Burela | IES Perdouro (dous premiados) |
| Lugo | Guntín | CPI Plurilingüe Tino Grandío |
| Lugo | Lugo | IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes |
| Ourense | O Carballiño | IES Nº 1 |
| Ourense | Ourense | CPI Plurilingüe José García García |
| Pontevedra | Cerdedo-Cotobade | IES de Cotobade |
| Pontevedra | Mos | CPR Plurilingüe Lar |
| Pontevedra | Mos | IES de Mos |
| Pontevedra | Sanxenxo | IES de Sanxenxo |
| Pontevedra | Tomiño | IES Antón Alonso Ríos (dous premiados) |
| Pontevedra | Vigo | IES Valadares (dous premiados) |
| Pontevedra | Vigo | CPR Plurilingüe Escuelas Nieto |



