A Xunta de Goberno Local do Concello de Moeche adxudicoulle recentemente á empresa Excavaciones Saavedra y Lopez S.L o contrato menor para acondicionamento de varias pistas e camiños municipais, cuxo orzamento global ascende a 24.824,46 €. (IVE incluído). Trátase dun contrato financiado con fondos propios que se vén engadir aos sufragados con cargo ao POS+ 2022 e o Plan de Camiños da AGADER, cuxos proxectos xa están en marcha ou rematados. As obras encargadas á construtora consisten na súa maioría en regas asfálticas para mellorar a pavimentación, aínda que nalgúns casos tamén están contempladas as limpezas de cunetas e a instalación de conducións soterradas.
No proxecto adxudicado, o Concello de Moeche volve manter o equilibrio “entre a urxencia obxectiva das reparacións e a distribución equitativa dos investimentos por todo o territorio municipal”, tal e como explicou a alcaldesa, Beatriz Bascoy. Neste sentido, o listado das intervencións é o seguinte:
Abade: camiños en Vilariño e no Monte
Labacengos: acondicionamento da pista do antigo vertedoiro municipal e reparación do camiño da Lavandeira a Trieiro (Abade)
Santa Cruz: camiños do Loureiro e A Lagoa, reparación do camiño de Amosa ao Retorno e limpeza de cunetas en Aquelabanda.
San Xoán: reparacións no camiño de Pardiñas.
San Xurxo: camiños en Requiá e Penas Albas. Limpeza de cunetas en Felgosa.
A estas hai que engadirlles outras cinco pistas de San Xoán, Labacengos e San Xurxo reparadas ou en fase de reparación con fondos provinciais. Son varios tramos na Lavandeira, Vidueira, Caleira, Petón e Outeiro. O contrato tamén se lle adxudicou a Construcciones Saavedra y López en 29.989 euros, IVE incluído. Por outra banda, José No Mantiñán e Hijos fíxose co encargo das pistas O Retorno-Albariza, Vigo-Casalousada e Camiño-Casanova de Vilar. O importe total ascende a 63.222,50 euros, financiados neste caso pola AGADER.
Asembleas participativas
Por outra parte o Concello encargou a redacción da memoria de pavimentaciòn de novas pistas e camiños para o novo orzamento 2023. Parte das obras foron solicitadas nas asembleas participativas que se celebraron a finais de outubro nas cinco parroquias de Moeche.
Entre propostas de obras viarias e melloras de servizos, ademais doutras ideas para mellorar a calidade de vida da veciñanza, o Goberno local recolleu un total de 29 demandas que se incorporarán ao orzamento municipal do ano que vén e que, nalgún caso, incluso se levarán a cabo antes de que remate 2022.
Os novos tempos permitiron volver ao formato inicial das asembleas presenciais, nas que se tomou nota de peticións moi variadas. As maioritarias foron as referidas á rede viaria, iluminación pública e ampliacións do saneamento, aínda que tamén houbo algunhas que sobrepasan as competencias municipais, relacionadas con Adif, Estradas ou con Augas de Galicia, nas que o Concello “asumiu o compromiso de facer as xestións necesarias para darlles cumprimento ás solicitudes veciñais”, apunta a alcaldesa.