As seleccións femininas sub-16 de volei de España, Francia e Portugal reúnense neste remate do ano na nosa zona para prepararen o torneo WEVZA que se desputará proximamente en Alemaña, clasificatorio para o Campionato de Europa do mes de xullo. O CV Aldebarán organiza este triangular de rodaxe que se vai xogar no pavillón municipal e tamén no polideportivo do CEIP José María Lage de Ortigueira. Os emparellamentos son os seguintes: Francia-Portugal este mércores ás 20:00h en San Sadurniño, Francia-España o xoves ás 20:00h en Ortigueira e, o último encontro, España-Portugal o venres 30 ás 10:00h de novo no pavillón de San Sadurniño. Todos os partidos son con entrada gratuíta e, ademais, as escuadras xogarán amigables hoxe ás 20:00h e o mércores e xoves ás 12:00h.
A Selección Española foi a máis madrugadora esta mañá para tomar contacto coa pista do municipal. Pouco despois das 9:00h as xogadoras xa estaban adestrando para o partido que desputarán este serán ás 20:00h contra Francia. Trátase dun amigable sen carácter oficial, o mesmo que o España-Portugal de mañá mércores ás 12:00h e o Francia-Portugal que se xogará o xoves á mesma hora no municipal, todos eles abertos ao público.
E é que os partidos do triangular, que si serán oficiais -con himno, bandeiras e todo o protocolo- son os seguintes:
Mércores 28, 20:00h – Pavillón municipal de San Sadurniño: Francia vs. Portugal
Xoves 29, 20:00h – Pavillón municipal de Ortigueira: Francia vs. España
Venres 30, 10:00h – Pavillón municipal de San Sadurniño: España vs. Portugal
Os encontros non se encadran en ningunha competición, senón que se trata de enfrontamentos preparatorios do Torneo WEVZA que arranca a semana que vén en Alemaña, coa participación da selección anfitrioa, ademais da de Italia, Bélxica, Holanda, Inglaterra e das tres concentradas estes días en San Sadurniño. O WEVZA será a primeira cita importante do 2023, posto que é clasificatorio para o Campionato de Europa que se xogará no mes de xullo.
Recibir a España, Francia e Portugal supón un novo reto para o CV Aldebarán, quen se encarga de toda a loxística organizativa do triangular, co engadido de que un dos partidos se desputará en Ortigueira. Porén, o “bilateral” -que así se denomina a rolda de enfrontamentos- tamén é unha oportunidade para o club de cara a seguir promocionando o deporte de base e feminino, sendo anfitrión das mellores xogadoras sub-16 desta banda do sur de Europa.