Friday 22 de November de 2024

O Concello de Cabanas presenta alegacións ao PRUX das Fragas do Eume


Cabanas insta á Xunta de Galiza a incrementar a zona de reserva e compensar ás propietarias polos cambios de uso

O Concello de Cabanas vén de presentar as súas alegacións e suxerencias ao documento de modificación do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais e de aprobación do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) das Fragas do Eume, que se atopa en exposición pública até o próximo 29 de decembro.

Desde o Concello denúnciase a “demora e inacción” que caracterizaron o proceder da Xunta de Galiza na tramitación do necesario instrumento que regula os usos e a xestión deste espazo protexido, que ocupa algo máis do 22% do conxunto do territorio do termo municipal de Cabanas, e solicitan unha exposición pública “adaptada ao perfil das persoas afectadas”, que inclúa a realización de reunións e actos presenciais nos que se poidan resolver dúbidas.

O PRUX das Fragas do Eume sometido a exposición pública propón unha zona de reserva – a de maior protección – do 3,63% do total da extensión do Parque Natural, o que non só supón unha redución do 8% (24,46 hectáreas menos) respecto á normativa actualmente vixente, senón que tamén resulta pouco ambiciosa nun documento que pretende servir para a protección do medio natural.

“Entendemos a redución da superficie de reserva como unha falta grave con ausencia de motivación, e un claro retroceso desde o punto de vista da conservación dun entorno con tan altos valores ambientais”, sinalou o tenente alcalde e responsábel da área de medio ambiente de Cabanas, Iago Varela.

Falta de mecanismos de compensación ás persoas propietarias

Nas súas alegacións, o Concello de Cabanas tamén denuncia a ausencia de mecanismos de compensación para as persoas propietarias afectadas polos cambios nas políticas forestais e as prácticas que se veñen desenvolvendo no interior das Fragas do Eume, e lembran que o Parque está principalmente en mans privadas (o 80% do territorio), onde tamén predomina o minifundismo.

“Os cambios na política forestal no interior do parque conlevan unhas consecuencias económicas que non poden recaer sobre as e os pequenos propietarios”, sinalou Varela, quen pediu “que se establezan mecanismos de compensación, incluíndo tanto pagos directos como a financiación e desenvolvemento de iniciativas de custodia do territorio”.

Falta de recursos económicos e de persoal

O proxecto de Decreto conta cun programa económico – financeiro ao que se lle asignan, para os próximos 10 anos, un total de 2.007.000 €, que supoñen uns 200.000 € anuais, cifra semellante á que actualmente está destinada á xestión do Parque. Tampouco considera o proxecto de PRUX das Fragas do Eume un incremento no cadro de persoal

Desde o Concello de Cabanas denúnciase que este orzamento sexa o mesmo que vén aplicándose na actualidade, malia que o PRUX incorpora numerosos obxectivos e directrices orientados á mellora do coñecemento científico do parque, a conservación do patrimonio cultural, a mellora da diversidade, a aposta pola educación ambiental, a substitución das masas de eucalipto, o incremento da vixilancia ambiental… e un longo etcétera, que dificilmente poderá ser levado a cabo sen a correspondente dotación orzamentaria.

“A Xunta propón neste PRUX unha asignación anual por hectárea do Parque Natural das Fragas do Eume de 22,11 €, lonxe dos 254 €/ha que asigna, por exemplo, para o proxecto de PRUX do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán”, sinalou Iago Varela, quen tamén instou a “reconsiderar o incremento do cadro de persoal” para que este poida afrontar con solvencia os novos obxectivos establecidos.

Outras alegacións

O Concello de Cabanas tamén presentou alegacións nas que pide a incorporación ao visor cartográfico das parcelas información sobre a propiedade pública e privada das mesmas, o que permitiría ter unha “perspectiva global do Parque” de cara a poder incentivar medidas de adquisición de terreos por parte das diferentes administracións, así como tamén unha aclaración sobre os usos “non previstos”, co fin de evitar situacións de inseguridade xurídica.