Friday 22 de November de 2024

Todo preparado en Fene para darlle a benvida ao 2023


O Concello organiza unha festa de Aninovo na madrugada do sábado para o domingo coa Orquestra Miramar e DJ Frank Fairlane

Comezará ás 01:00h na Praza do Alcalde Ramón José Souto González ao abeiro dunha carpa con calefacción, gardarroupa e servizo de barra con prezos asequibles

A entrada é gratuíta -non se require reserva- e ao remate servirase chocolate con churros

O Concello de Fene ultima os detalles da grande festa coa que recibirá o ano 2023 na Praza do Alcalde Ramón José Souto González. Alí xa está instalada a carpa que acollerá o evento a partir das 01:00h da noite de Aninovo, animado pola Orquestra Miramar e o picadiscos DJ Frank Fairlane, con barra a prezos populares, servizo de gardarroupa e remate, preto do amencer, con chocolate e churros de balde. A área de Promoción Económica e Turismo organiza por primeira vez unha cita deste tipo, que pretende atraer a Fene non só público do territorio municipal, senón tamén do resto da comarca. A entrada é gratuita e non require reserva previa.

O comezo da festa de benvida ao 2023 está posto para unha hora despois de comer as uvas. O punto de encontro para a mocidade e a xente xa non tan nova é a praza do Concello baixo unha carpa decorada e acondicionada para albergar varias horas de troula ininterrompida. Neste sentido, o espazo estará calefactado, disporá de gardarroupa e unha ampla barra na que se servirán consumicións por prezos asequibles.

Da parte musical durante a primeira metade da noite encargarase a orquestra pontevedresa Miramar, quen culminará en Fene a súa temporada 2022 despois de encadear só no mes de decembro sete actuacións en distintos puntos de Galicia.

Ben entrada a madrugada collerá o relevo o picadiscos DJ Frank Fairlane, un dos referentes galegos na animación de eventos -e un dos máis valorados en páxinas especializadas- coa súa colección de éxitos de onte e hoxe cos que facer gozar ao público de todas as idades.

Como cabo da festa -sobre as 6 da mañá- servirase chocolate con churros até esgotar existencias, aínda que desde o departamento de Promoción económica e Turismo, organizador da festa, apúntase que “haberá cantidade abonda para que todas as persoas asistentes poidan meter algo quentiño no corpo antes de marchar para a casa”.

A concelleira responsable da área, Ángeles Coira, agarda que Fene sexa na noite do sábado para o domingo “o centro da festa para a xente de aquí e para quen queira achegarse desde outros concellos da zona”. Coira recorda que o espazo no que se lle dará a benvida ao 2023 estará preparado “con todas as comodidades, os servizos e a mellor música para pasar unha noite inesquecible entre amigas e amigos”.

Desde o Goberno local tamén se destaca o feito de que sexa “a primeira vez” que se organice unha festa de Aninovo nun espazo público do municipio e, ademais, “con entrada gratuíta e adaptada aos tempos de crise”. Outro dos obxectivos do evento ten que ver coa seguridade, na liña de que -comenta Ángeles Coira- “a veciñanza poida reunirse sen necesidade de coller o coche ou cun desprazamento mínimo, para o que sempre é moi recomendable compartir vehículo ou optar polo taxi, sobre todo á hora de volver para a casa”.