Na Xunta de Goberno Local tamén se aprobou a prórroga por un ano do contrato á empresa que presta o servizo de axuda no fogar.
Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse conceder a unha empresa do sector téxtil a licencia de obra para o acondicionamento do terreo dunha parcela de 5.141 metros cadrados de superficie situada no polígono industrial da Laracha. O Concello celebra a futura implantación na Laracha desta nova empresa e que o parque empresarial continúe enchéndose de actividade, o que significa a xeración de novas oportunidades que beneficien o movemento económico e a xeración de emprego no termo municipal.
Segundo os últimos datos achegados por Suelo Empresial del Atlántico, o polígono industrial da Laracha presenta actualmente unha ocupación do 82 %, dato que pon de manifesto a necesidade da súa ampliación.
Na sesión da Xunta de Goberno Local tamén foi concedida unha licencia urbanística a un particular para a construción dunha nova vivenda unifamiliar no lugar de Alvite da parroquia de Caión.
Salientar, ademais, a aprobación da prórroga por un ano do contrato do servizo de axuda no fogar a Siad 24 Galicia S.L. Faise nos mesmos termos dos dous últimos anos, contemplándose a prestación de 12.000 horas de servizo básico e outras 47.334 de servizo de dependencia por anualidade. O Concello destina en cada exercicio en torno a 800.000 euros ao financiamento do servizo de axuda no fogar.