Friday 22 de November de 2024

O Concello avanza na mellora da calidade do aire e na descarbonización coa aprobación do proxecto de Zonas de Baixas Emisións


A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de “Posta en marcha de actuacións para a mellora da calidade do aire e implantación de Zona de Baixas Emisións de Santiago de Compostela”, que presentaron, posteriormente, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños; e Eduardo Díaz, xerente de AAPP e Smart Tech da compañía Cinfo. Este documento recolle as medidas e directrices necesarias para dar resposta aos requisitos establecidos na Lei 7/2021 de 20 de maio de Cambio Climático e Transición Enerxética para a implantación de Zonas de Baixas Emisións nos municipios que superen os 50.000 habitantes.

Segundo o documento, o Concello de Santiago na súa estratexia de cambio climático contempla mediante este proxecto avanzar cara á implantación de zonas de baixas emisións como un claro e ambicioso obxectivo que require a implantación dunha serie de medidas que se irán establecendo de maneira paulatina para a mellora da calidade do aire no territorio.

O primeiro que se fixo, segundo explicou Eduardo Díaz, foi unha análise da situación actual, e a “complementariedade con outras medidas”. Analizáronse outro proxectos que xa están en marcha, como o Trafair, sobre calidade do aire, que xestiona o Concello coa USC, xunto cou outras universidades e cidades europeas. O resultado “é que a calidade do aire en Santiago é boa”, polo tanto as necesidades centraránse máis, sinalou, no “avance contra o cambio climático e na mellora da mobilidade”.

Neste contexto, segundo Díaz, plantéxase unha zona principal de baixas emisións, na ámendoa do centro histórico de Santiago, para contribuír á súa preservación e para a continuar na súa aposta pola descarbonización deste enclave de gran relevancia para a cidade, xa que apuntou, “xa ten implementadas distintas medidas de baixas emisións”. As solucións tecnolóxicas que se empregarán serán as accións que se consideraron no marco do proxecto de Smartiago para a esta contorna: control de acceso de vehículos, supervisión e control de accesos en aparcadoiros e paneis informativos.

Eduardo Díaz informou que tamén se contempla a posta en marcha de actuacións de mellora na contorna urbana do Restollal coa finalidade de establecer nunha fase posterior a posibilidade de implementar unha nova Zona de Baixas Emisións na cidade. Recordou que se solicitou unha subvención para levar a cabo este proxecto, co que se dá, sinalou, “solución a unha das esixencias da propia orde. Unha vez que estea en marcha, e que haxa unha serie de condicións que marca o propio Ministerio, avanzarase. E en paralelo, coa redacción do PMUS, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible que se está elaborando neste momento, darase cumprimento a todo o referido á participación cidadá e á implicación dos axentes afectados polas medidas que se tomen”. Agora mesmo, engadiu, “o proxecto está aprobado, polo que se dá cumprimento á lei, e a partir aí analizaranse os pasos con máis detalles a medida que avance a lexislación”.

O concelleiro Gonzalo Muíños quixo transmitir unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía: “os veciños e veciñas non van ter que mudar os vehículos. Teñen garantido o paso na zona”, igual que os distribuidores de mercadorías. As ZBE vanse implantar de xeito gradual, explicou, algo “que ven para quedar”. En todo caso, sinalou que todos os “procesos que se vaian implantando” van ter un tempo de proba, “de información previa”. Todos os cambios que se vaian implementando, engadiu, vanse incluir no PMUS.

De momento, recordou o alcalde, os obxectivos están anunciados, pero non “marcados”. “Estamos á espera que por parte do Ministerio se emita un decreto que desenvolverá o artigo 14 da lei e ese texto establecerá os prazos e as condicións”. Sánchez Bugallo engadiu que por parte do Goberno Municipal estase traballando “en todas as direccións, por unha parte este documento que delimita as zonas e analiza a situación desde o punto de vista da calidade do aire e doutros elementos contaminantes”. Recordou que, a través de Trafair “sabemos en tempo real os datos das medicións”, nas que Santiago presente unha calidade óptima do aire; “temos en marcha o PMUS, que é o que ten que dar acubillo a todo este conxunto de medidas” e tamén se vai “pór en marcha o Centro Loxístico de Reparto de mercadorías para dispor dunha estrutura que posibilide organizar o reparto de mercadorías na cidade Histórica con vehículos menos contaminantes. E a través de Smartiago dispomos dos elementos de control específico para garantir que á normativa que se elabore, se lle poida dar cumprimento”. O alcalde subliñou que “en Santiago temos que priorizar a mobilidade peonil, o uso do transporte público, e a aposta por medios de transpore máis blandos, como a bicicleta”. Todo isto plasmarase, finalizou, nunha nova Ordenanza de Mobilidade que previsiblemente entraría en vigor no 2024″.

O proxecto de “Posta en marcha de actuacións para a mellora da calidade do aire e implantación de Zona de Baixas Emisións de Santiago de Compostela estrutúrase en cinco bloques: introdución, diagnose previa da cidade, diagnose da calidade do aire de Santiago, definición das Zonas de Baixas Emisións, e un plan de sensibilizacón, comunicación e participación.

Outros acordos

A Xunta de Goberno tamén aprobou, como estaba previsto, a axudicación do expediente de contratación Subministración e instalación de elementos novos para a renovación da área de xogos infantís do parque de Pérez Lugín, por un importe de 56.930,78 euros, a HPC Ibércia, que presentou a proposta máis económica.

A maiores, deu luz verde á licitación do Parque Infantil da Almáciga”, establecendo un orzamento máximo de licitación de 85.771,82 euros, IVE engadido.

Aprobáronse, tamén distintas xustificacións de convenios, entre eles os das axudas para actividades de promoción e dinamización comercial anualidade 2022, con Fundación Santiago Centro, Área Comercial, por 24.061,85 euros; Asociación Em-Rede. Rede de iniciativas empresariais de Santiago e comarca, por 2.243,27 euros; Asociación de Empresarios e Profesionais CCA Compostela Monumental, por 28.658,25 euros; Asociación Punto Compostela CCA, por 24.874,93 euros; e a Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela, por 11.624,57 euros. E os das axudas a clubes e entidades deportivas para 2022, entre as que destacan a do Club Atletismo Santiago, por 10.000 euros; a do Obradoiro Club de Amigos Baloncesto S.A.D., por 120.000 euros; e a do Club Arteal Tenis de Mesa por 12.000 euros.