Friday 22 de November de 2024

Máis de oitenta persoas gozaron da Festa de Nadal do centro de día de Lousame


Máis de oitenta persoas, entre maiores, familiares e músicos, participaron na tarde do venres 23 de decembro na recuperación da Festa de Nadal no centro de día de Lousame, despois dun par de edicións sen celebrarse por mor das restricións sanitarias. Unha celebración que tivo lugar seguindo todas as medidas sanitarias recomendadas, como o feito de que todos os asistentes volveron levar máscara.

A festa tivo lugar entre as 17:00 e as 19:30 horas e contou coa presenza da concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, que amosou a súa satisfacción “pola activa participación dos nosos maiores na celebración, non só bailando e cantando as distintas pezas, senón compartindo experiencias durante a festa”. Así mesmo, tanto as persoas residentes como as visitantes deron boa conta dos polvoróns, turróns, roscas e outros produtos típicos do Nadal dispostos no centro de día, decorado con motivos de inverno coas creatividades dos propios usuarios do centro.

A xornada comezou coa actuación da Banda de Música de Lousame, cuxos membros interpretaron diversas panxoliñas propias destas datas. Tomou o relevo o grupo de gaitas “O son do Pote”, habituais destas celebracións, que fixeron que varios veciños e veciñas se animaran a botar unhas bailas. Ademais do persoal propio do centro de día, voluntarios e voluntarias de Lousame desprazáronse ata o lugar para colaborar na atención aos maiores.