Thursday 21 de November de 2024

A Xunta fomenta a mobilidade sostible coa concesión de 91 axudas para mercar bicicletas eléctricas nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal


— A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, visitou estes días un dos establecementos da zona que se adheriron ao programa Ebici da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

— O municipio de Ferrol concentrou o 43% das achegas outorgadas nas tres comarcas, un total de 40, seguido do de Narón, con 20 axudas concedidas

— Aneiros avanzou que a Xunta continuará o próximo ano con esta liña de incentivos dada a boa acollida que tivo esta primeira edición

A Xunta de Galicia atendeu 91 solicitudes de axudas para a adquisición de bicicletas eléctricas nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a través do programa Ebici co que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pretende fomentar unha mobilidade máis sostible.

A delegada territorial, Martina Aneiros, informou deste balance durante unha visita ás instalacións dun dos sete establecementos da contorna adheridos a esta primeira edición do programa Ebici, BMK Narón, que foron os encargados de tramitar as axudas. Ademais anunciou que, dado o éxito da primeira convocatoria, o programa continuará o próximo ano para o que a Xunta xa consignou 1M€ nas contas de 2023.

Aneiros precisou que o municipio de Ferrol concentrou o 43,4% das axudas aprobadas na comarca -40 en total-; seguido de Narón, con 20 apoios concedidos, Valdoviño con seis, e Mugardos con cinco. En Neda e Ares foron catro os beneficiarios en cada municipio, tres nas Pontes e dous en Ortigueira e Pontedeume, respectivamente. Nos concellos das Somozas, Cariño, Cedeira, Moeche, Fene e A Capela concedeuse unha axuda en cada un.

A representante do Goberno galego lembrou que o obxectivo deste programa é “promover que os cidadáns realicen os seus desprazamentos cotiáns de curta distancia en bicicleta, especialmente nas contornas urbanas, fomentando unha mobilidade máis saudable para quen se decante polo emprego deste medio de transporte alternativo, reducindo as emisións a atmosfera e tamén o ruído”.

Estas axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cobren ata o 50% do custo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 euros, con carácter xeral. Sen embargo, as familias numerosas teñen máis vantaxes xa que os incentivos cobren o 60%, cunha aportación tope de 600 euros; e para as de categoría especial, os descontos elévanse ata un máximo de 700€, cubrindo ata un 70% do custo.