A Xunta de Goberno ten previsto, este luns, adxudicar a subministración e instalación de novos elementos para a renovación e ampliación da área de xogos infantís do parque de Pérez Lugín, por un importe de 56.930,78 euros; e aprobar a licitación do parque infantil da Almáciga por 85.771,82 euros. Estas dúas actuacións do departamento de Parque e Xardíns, que dirixe Mila Castro, contan cun investimento conxunto de 142.702,6 euros.
O obxectivo destes proxectos é continuar cos traballos de adecuación das areas de xogo infantís ás necesidades reais da poboación; creando equipamentos de proximidade que axuden a conciliar a vida laboral e profesional da veciñanza. Espazos interxeracionais, que poñen o acento nos máis pequenos, pero que tamén están deseñados cun alto grao de integración para todo tipo de persoas usuarias.
Parque infantil da Almáciga
A parcela onde se situará o parque infantil mide, 2789 metros cadrados de superficie. Polo Norte, limita coas hortas urbanas e o parque do Monte da Almáciga, polo Leste co Centro Sociocultural e co patio do Colexio Apóstolo Santiago, polo Sur co tramo peonil da rúa Proxecto Vagalume e ao Oeste tem as traseiras dos edificios de vivendas da rúa de Teo. O terreo Norte-Sur, cunha pendente aproximadamente do 5%, facéndose máis pronunciada no encontro coas rúas Proxecto Vagalume e Teo.
O obxecto do proxecto é o acondicionamento desta parcela, creando un espazo de xogos e de estar nesta contorna axardinada, entre o arboredo existente; e dotándoa, ademais, de accesibilidade e dunha iluminación apropiada.
Un dos obxectivos principais para o deseño deste espazo, é poder integralo dunha forma natural nunha contorna axardinada, vinculado ás hortas urbanas da Almáciga, e coa presenza ao norte do Parque do Monte dá Almáciga e do Parque de Bonaval ao Sur-Oeste; creando un espazo de convivencia e relación entre o colexio, o Centro Sociocultural e as hortas. Por iso, instalaranse xogos para diferentes idades integrándoos dentro da urbanización (que estará concebida como un elemento máis de xogos, con areeiros, e lombas intercaladas). A madeira é o elemento que se prefire á hora de integrar todos estes elementos na contorna. Para completalo, está previsto crear dúas zonas de estancia con bancos e sombra, e dotalo dunha fonte de auga potable.
Toda esta obra levarase a cabo coa creación de tres lombas integradas na zona de xogo e que formen parte del. Terán forma de boomerang con ángulos asemellados aos do camiño perimetral e situaranse de xeito que haxa un control visual entre elas. Os espazos de xogo estarán separados por bordos de formigón. Aproveitando a pendente xerada nas lombas, instalarase un tobogán con caída ao areeiro, así como unha serie de elementos escalables. Tamén está previsto o acondicionamento do camiño central, e a colocación dunha tirolina, que se situará nunha zona axardinada paralela ao muro de peche do colexio,finalizando nun areeiro semicircular con pavimento amortiguante.
Toda a zona se vai equipar con bancos de madeira, unha iluminación adecuada para evitar a contaminación lumínica e centrada nas áreas de xogo, e unha fonte de auga potable, situada nunha zona intermedia.
Parque infantil de Pérez Lugín
Segundo o prego de contratación, o obxectivo desta intervención é a creación dun espazo de xogos infantis, máis amplio (actualmente ten 130 metros cadrados), inclusivo e adaptado a todo tipo de usuarios, donde o público infantil e acompañantes poidan desfrutar xuntos. Esta área terá un deseño innovador e deberá contar con máis do 50 por cento da súa superficie transitable e adaptada a poboación con mobilidade reducida, así como xogos que permitan ser usados por rapaces e rapazas con limitacións físicas, debendo ser estimulantes a nivel cognitivo e funcional.
Os traballos consistirán na retirada dos xogos existentes e do valado de madeira, e a retirada e nivelación dos materiais de sobrantes que irán a vertedoiro autorizado; agás os susceptibles de reparación. A superficie da área de xogos terá un mínimo de 225 metros cadrados e un máximo de 290 metros cadrados, sendo esta a superficie total de actuación.
Os xogos deberán posuír un elevado contido lúdico e contar cun deseño atractivo e innovador, adaptándose á contorna na que van ser ubicados. Ao ser unha zona verde, deben primar os deseños de madeira e metais en cores suaves.
O equipamento da área deberá estar deseñado considerando o uso simultaneo polo maior número de nenos e nenas. Contará con xogos aptos para as diferente idades (na actualidade son para menores de 6 anos) e condicións físicas; contemplando elementos de trepa: xogos de cordas en diferentes formas, rocódromos, barras, etc, e xogos dinámicos diferentes aos existentes: equilibrio, xiro, etc. Deberán ter un deseño moderno, vangardista e novidoso, valorándose, no prego de condicións, a non existencia de elementos similares nos parques do Concello.
O chan deberá posuír un elevado contido lúdico e estar deseñado para estimular a imaxinación infantil. En canto ao mobiliario, estará integrado por bancos, papeleiras, unha fonte e a cartelería de información xeral da área de xogos, segundo o disposto na Normativa galega; e deberá ser acorde co conxunta da intervención e coa contorna.