Friday 22 de November de 2024

Os Reis Magos visitan desde este luns os centros cívicos dos barrios da cidade, nos que tamén haberá festas infantís para o gozo dos máis pequenos


Ademais, os Reis Magos tamén recibirán ás crianzas no Palacio Municipal de María Pita, os días 2, 3 e 4 de xaneiro

Por outra banda, este martes dan comezo os percorridos guiados de Nadal nas casas-museo, con acceso de balde, para dar a coñecer as historias de María Pita, a familia Casares Quiroga e Pablo Picasso

Os Reis Magos visitarán desde este luns os barrios da cidade, no contexto da programación de actividades polas festas de Nadal. Así, entre os días 26 de decembro e o 4 de xaneiro, os máis pequenos terán a oportunidade de coñecer aos Reis Magos, aos seus paxes reais e tamén ao carteiro real, que recollerán as peticións e desexos das crianzas con vistas ao día de Reis.

As actividades e visitas dos Reis Magos, que comezan mañá nos centros cívicos, tamén abranguen recepcións no Palacio Municipal de María Pita e os percorridos do carteiro real e os paxes reais nos locais de diversas asociacións veciñais nos barrios.

O calendario completo de actividades é o seguinte:
● Luns 26 de decembro (17.00 a 20.00 horas): Festa infantil e visita dos Reis Magos nos centros cívicos de Labañou, Castrillón e Cidade Vella.

● Martes 27 de decembro (17.00 a 20.00 horas): Festa infantil e visita dos Reis Magos nos centros cívicos dos Rosales, San Diego e Monelos.

● Mércores 28 de decembro (17.00 a 20.00 horas): Festa infantil e visita dos Reis Magos nos centros cívicos de Eirís, Novo Mesoiro e Monte Alto.

● Luns 2 de xaneiro.
○ (De 11.00 a 14.00, e de 16.30 a 21.30): Visita dos Reis Magos e os paxes reais ao Palacio Municipal de María Pita.
○ (12.00 a 14.00 horas): Visita do carteiro real e un paxe, no local da asociación de veciños de Nostián.
○ (12.00 a 14.00 horas): Visita do carteiro real e un paxe, na pista polideportiva de Bens.
○ (16.00 a 18.00 horas): Visita do carteiro real e un paxe, no local da asociación de veciños de Mesoiro-Vío.
○ (16.00 a 18.00 horas): Visita do carteiro real e un paxe, no local da asociación veciñal As Revoltas, na Zapateira.
○ (17.00 a 20.00 horas): Festa infantil e visita dos Reis Magos nos centros cívicos dos Mallos e Novoboandanza.
○ (19.00 a 21.00 horas): Visita do carteiro real e un paxe, no centro cívico da Sagrada Familia.

● Martes 3 de xaneiro.
○ (De 11.00 a 14.00, e de 16.30 a 21.30): Visita dos Reis Magos e os paxes reais ao Palacio Municipal de María Pita.
○ (16.00 a 18.00 horas): Visita do carteiro real e un paxe, na gardería Kid’s Garden, na Zapateira.
○ (17.00 a 20.00 horas): Festa infantil e visita dos Reis Magos no centro cívico de Palavea.
○ (17.00 a 20.00 horas): Festa infantil e visita dos Reis Magos nos centro cívico de Elviña.
○ (18.00 a 20.00 horas): Visita do carteiro real e un paxe, no centro cívico de Feáns.
○ (19.00 a 21.00 horas): Visita do carteiro real e un paxe, no centro cívico de Visma.

● Mércores 4 de xaneiro.
○ (De 11.00 a 14.00, e de 16.30 a 21.30): Visita dos Reis Magos e os paxes reais ao Palacio Municipal de María Pita.
○ (12.00 a 14.00 horas): Visita do carteiro real e un paxe, na pista polideportiva do Barrio das Flores.
○ (12.00 a 14.00 horas): Visita do carteiro real e un paxe, na pista polideportiva do Ventorrillo.
○ (16.00 a 18.00 horas): Visita do carteiro real e un paxe, na Praza de Abastos de Durmideiras.
○ (16.30 a 18.30 horas): Visita do carteiro real e un paxe, no Fórum Metropolitano.
○ (19.00 a 21.00 horas): Visita do carteiro real e un paxe, no Centro Sociocultural Ágora.

Tanto as festas infantís como as visitas serán de balde, con acceso libre para a cidadanía ata completar a capacidade dos recintos referidos.

Percorridos guiados de Nadal nas casas-museo
Este Nadal, e aproveitando as vacacións escolares, os Museos Históricos Coruñeses promoven unha serie de percorridos guiados polas casas-museo da Coruña. Esta iniciativa, que tamén abrangue obradoiros familiares, busca dar a coñecer entre a cidadanía a evolución e percorrido de figuras clave na historia da Coruña, como María Pita, Santiago Casares Quiroga e a súa filla, María Casares, e Pablo Picasso.

A Casa Museo María Pita abrirá as súas portas os días 27 e 29 de decembro, coas seguintes actividades previstas:
● Obradoiros familiares ‘Pintacuento’ (11.30 a 12.30): As persoas asistentes poderán coñecer a historia de María Pita, a heroína da Coruña, ao tempo que descubren as personaxes principais e escenarios onde aconteceu a súa loita pola cidade. A actividade está recomendada para menores de entre 5 e 9 anos.

● Percorridos guiados ‘A voz da loita’ (de 18.00 a 18.50; e de 19.00 a 19.50 horas): As persoas asistentes poderán asomarse ás estancias da casa de María Pita para coñecer a evolución e contexto histórico da cidade no que xorde a figura da heroína, tamén os aspectos máis relevantes da contenda na que María Pita foi, sen dúbida, a gran protagonista.

Por outra banda, na Casa Museo Casares Quiroga ofreceranse dúas xornadas cos percorridos guiados ‘Pegadas históricas’. Terán lugar os días 28 e 30 de decembro, sempre en dúas quendas (11.00 a 12.00; e de 12.15 a 13.15 horas).

O público asistente poderá gozar cunha visita ás diversas estancias da casa da familia Casares Quiroga, achegándose a momentos de grande relevancia histórica e política na cidade. Tamén á figura de María Casares, que este ano, e co gallo do centenario do seu nacemento, foi unha das figuras centrais na programación de actividades do Concello a través da área de Cultura.

Xa os días 3 e 4 de xaneiro, a Casa Museo Picasso acollerá diversas actividades orientadas tanto aos máis pequenos como ao público adulto.
● Obradoiros familiares (11.30 a 12.30): As persoas asistentes poderán coñecer a vida e obra de Pablo Picasso a través da experimentación coa técnica de gravado. Ademais, abordaranse as características da técnica para poder facer creacións propias. A actividade está recomendada para menores de entre 6 e 12 anos.
● Percorridos guiados ‘Olladas abstractas’ (18.00 a 18.50; e 19.00 a 19.50 horas): A casa da familia Picasso é o punto de partida para achegarse non só á súa obra, senón tamén a aspectos persoais que marcaron a traxectoria artística de Pablo. A actividade está ideada para o público xeral.

Todas as actividades, que serán de balde, estarán limitadas a 15 prazas por quenda, por cuestións de capacidade nas casas-museo.
A inscrición poden levarse a cabo a través do teléfono 981 189 854, en horario de martes a sábado (11.00 a 13.30; e 18.00 a 20.00 horas).