Economía, Emprego e Industria apoia a iniciativa con preto de 30.000 euros, que permitirán a construción de beirarrúas e mellorar a recollida de augas na contorna
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá as obras que o Concello de Frades está a acometer na praza do mercado de Ponte Carreira. Uns traballos orzamentados en 40.313,13 euros, dos que a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega 28.219,19 euros con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para 2015.
Sol Vázquez e Belén do Campo estiveron acompañadas polo alcalde de Frades, Roberto Rey, e polo concelleiro de Economía, Manuel Marzoa, quen lles explicaron as actuacións que se están a realizar para a ampliación, adecuación e modernización da praza pública de Ponte Carreira, que se destina ao mercado tradicional que se celebra os días 12 e 26 de cada mes. Roberto Rey explicou que “despois da demolición da antiga casa escola, agora imos facer unha nova beirarrúa de algo máis de setenta metros, un muro de contención e unha canle recollida de augas pluviais para mellorar a contorna da praza, o que beneficiará tanto aos veciños e veciñas de Frades como aos comerciantes do mercado tradicional, pois eran zonas onde se formaban pozas cando chovía”.
Os traballos, que estarán concluídos antes de finais de outubro, inclúen o axardinamento da contorna, así como a demolición dun pequeno tramo de beirarrúas, que serán substituídas por unhas beirarrúas en formigón, dunha anchura de 2 metros, similares ás construídas en novembro de 2013. Daquela, o Concello de Frades investira algo máis de 17.000 euros na construción dunha beirarrúa de 86 metros en formigón e dunha canle para a recollida de pluviais na outra marxe da praza de Ponte Carreira. Cos traballos que se están a acometer este días, o acondicionamento da praza fradense quedará completamente rematada.
A praza de Ponte Carreira é un dos centros neurálxicos da vida social, cultural e comercial do concello de Frades. Así, todos os días 12 e 26 de cada mes, acolle un mercado ambulante tradicional, cunha vintena de postos. Ademais, adoita ser un o punto de encontro para numerosas actividades deportivas e sociais organizadas polo Concello de Frades, como o Día da Bicicleta, a Cabalgata de Reis ou a Carreira Popular.
Apoio ao sector comercial
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.
Os concellos que realicen melloras nas prazas de abastos deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.
Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.