Substituirase o pavimento e instalarase unha nova estrutura de xogos con capacidade para 13 usuarios
O Concello comezou este venres os traballos para mellorar e renovar as instalacións da área infantil de Pedralonga, unha intervención que se enmarca no Plan integral de mellora dos parques infantís posto en marcha polo Goberno municipal, con actuacións acometidas en máis de 20 parques.
A área infantil de Pedralonga, situada na rúa homónima e lindeira á área biosaludable do barrio, foi ampliada polo Goberno de Inés Rey no verán de 2021. Agora, o Concello acometerá no sector leste do parque a disposición dun novo firme de caucho, que substituirá ao actual de area, co obxectivo de reforzar a seguridade das persoas usuarias.
En paralelo, tamén se instalará unha nova estrutura de xogos, un galopín que inclúe un tobogán, ideado para rapaces de entre 3 e 6 anos de idade. Esta estrutura, que ten capacidade para 13 nenos, súmase aos xogos infantís xa existentes, que serán redistribuidos no propio parque.
Os traballos, ao estar centrados no sector do parque que aínda conserva o firme de area, non implicarán o peche temporal da área infantil, xa que a superficie do sector oeste, a creada na ampliación das instalacións, seguirá estando dispoñible para o uso.