A temática é moi variada: micoloxía, aproveitamento das mazás, froita e verdura creativa, saúde e aseo sen químicos
O Concello de Brión organiza catro Obradoiros de Outono sobre ecoloxía e saúde, que terán lugar entre os meses de outubro e novembro. Uns cursos para os que xa está aberto o prazo de inscrición, que poderá realizarse ata unha semana antes do comezo de cada obradoiro na Casa da Cultura de Brión ou no teléfono 981 50 99 08.
O primeiro obradoiro será “Micoloxía e aproveitamento forestal”, que terá lugar este sábado 17 de outubro no centro social polivalente. Un obradoiro gratuíto que se desenvolverá en dúas partes: unha teórica (de 10:00 a 14:00 horas) e outra práctica, con saída, recollida e cociñada de cogomelos entre as 16:00 e as 20:00 horas.
Mazás e saúde
Para os dous primeiros venres de novembro está programado o obradoiro “Aproveitamento das mazás”, que terá lugar de 18:30 a 21:30 horas no centro social polivalente de Brión. Nas clases, o alumnado aprenderá a elaborar marmelada, marmelo e sidra. A cota de inscrición é de 30 euros.
Os outros dous obradoiros terán un custe de 15 euros cada un. O primeiro será o venres 20 de novembro e versará sobre “Saúde, fogar e aseo sen químicos”. O segundo, titulado “Froita e verdura creativa”, é un obradoiro de cociña para nenos e maiores que terá lugar o venres 27 de novembro. En ambos casos, o horario será de 18:30 a 21:30 horas no polivalente.
Para a realización de cada un destes obradoiros será precisa a inscrición dun mínimo de 10 persoas. O curso está aberto a todos os interesados, tendo preferencia a veciñanza de Brión.