Thursday 21 de November de 2024

Uns 300 menores participan hoxe na xornada “Xogando con Futgal” no pavillón polideportivo da Gándara


O Concello, a Real Federación Galega de Fútbol e a Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón-O Freixo, organizaron a iniciativa “Xogando con Futgal”. Trátase dunha proposta de fútbol sala dirixida a menores de 6 a 11 anos nas categorías pre-benxamín, benxamín e alevín que se desenvolve hoxe no complexo polideportivo da Gándara e na que participan preto de 300 menores.

As rapazas e rapaces xogan en catro pistas inchables simultáneamente, formando equipos con cinco xogadores -un porteiro, tres xogadores e outro para o cambio-. Dende a organización apostouse por impulsar por por primeira vez na cidade esta actividade recreativa e formativa de promoción do fútbol sala creada pola Real Federación Galega de Fútbol, que resultou todo un éxito, tal e como asegurou o concelleiro de Deportes, José Oreona.

A cita ten tamén un carácter solidario, polo que as persoas que o desexen poderán doar –nun espazo habilitado para este fin- produtos non perecedoiros que se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. Este punto de doazón manterase durante as datas do Nadal no pavillón polideportivo da Gándara.