Esta tarde visitará a residencia Suacasa e tamén estará na Casa da Cultura a partir das 19:00h, xusto ao remate da obra “O Apalpador e a nena sen medo”
Puntual á súa cita, o Apalpador achegouse esta mañá a San Sadurniño co seu zurrón cargadiño de agasallos e bos desexos para estas festas. O carboeiro do Courel visitou pasadas as 10:00h a EIM A Rolada, onde a rapazada, entre abraiada e ilusionada, recibiu xogos e libros doados tanto polo Concello como pola ANPA do centro. Logo, a media mañá, o Apalpador baixou até o Centro de día para deixarlles ás avoas e avós outro bo cargamento de desexos de felicidade para o Nadal e o Aninovo, ademais dunha lámina de Juanlu Nacha coa que decorar o espazo principal do servizo. Inicialmente estaba previsto que o acompañasen as pequenas e pequenos da Rolada, aínda que ao final a chuvia impediu percorrer os escasos metros que separan ambas instalacións. Quen si o fixeron foron as e os membros do grupo municipal de Cantos de Taberna para botarlles unhas pezas do seu repertorio.
O percorrido do Apalpador polo noso concello vai continuar pola tarde visitando, tamén na compaña da escola de Cantos de Taberna, a residencia para persoas maiores Suacasa, situada en Silvalonga. Alí estará a iso das 17:30h e botará un bo pedazo antes de baixar de novo para San Sadurniño, xa que ás 19:00h ten o agardado encontro cos nenos e nenas que queiran achegarse á Casa da Cultura para velo de preto e, se cadra, pedirlle algún agasallo.
Hai que recordar que antes, ás 18:00h, o centro cultural acollerá o espectáculo “O Apalpador e a nena sen medo”, da compañía A Xanela do maxín. Trátase dunha obra de monicreques que nos conta as aventuras dunha nena disposta a entregarlle en man ao carboeiro unha carta na que lle pide palabras para soñar e para falar en galego.
“O Apalpador e a nena sen medo” chega a San Sadurniño gracias á Rede Cultural da Deputación da Coruña. Hai 100 entradas gratuítas dispoñibles, que aínda se poden reservar chamando ao 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.
A obra e a visita do Apalpador métennos de cheo no tempo máis sentido e ilusionante para a maioría de nós. Desde o Concello de San Sadurniño agardamos que gocedes da Noiteboa e do Nadal.
Ah, tede moito coidado nos desprazamentos. Disque vén unha fin de semana de moita auga e vento.