Os fogares gañadores do III Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas xa contan cos seus premios para desfrutar nestas datas. A concelleira da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal, Charo Varela (Nós Pobra), acompañada da técnica municipal desta área, Sara Sánchez, efectuou a entrega das cestas do Nadal con produto local, valorada en 300 euros cada unha, entre os domicilios galardoados, con representación de tódalas parroquias.
O xurado ditaminou que as distincións recaesen nunha vivenda situada no Inferniño (Santo Isidro de Posmarcos), noutra da rúa Carlos Montenegro (Santa María a Antiga do Caramiñal), nunha de Rosamonde (Santa Cruz de Lesón), da rúa Cardenal Patiño (Santiago do Deán) e noutra de Bandaseca (Santa María do Xobre).
Preto dunha trintena de vivendas participou nesta terceira edición do certame impulsado pola Administración local para incrementa-lo carácter vistoso das rúas nesta época a través da implicación da veciñanza na ornamentación exterior das súas casas ao tempo que se axuda, mediante as recompensas, na dinamización e posta en valor do comercio de proximidade.
A decoración de tódalas inscritas deberá permanecer ata o día 6 de xaneiro, inclusive, tal e como se establece nas bases.