O proxecto persegue mellorar o tránsito peonil da zona
O Executivo do Concello de Riveira acordou destinar un total de 99.864 euros a unha nova actuación na parroquia de Carreira consistente na execución de melloras na contorna da Capela da Guía.
Actualmente, o entorno deste inmoble está pavimentado en formigón e atópase en mal estado, rexistrando fisuras e afundimentos polos que aflora vexetación indesexada e provoca que cando chove se produzan charcos que fan moi difícil o tránsito polo terreo circundante. Así mesmo, na parte oeste do recinto existe un camiño de acceso a varias vivendas que está pavimentado con zahorra, o que dificulta o paso dos viandantes nas estacións de outono e inverno; mentres que na parte leste hai un tramo de estrada que une o templo co parque das festas que carece de beirarrúas.
Así e logo, o obxectivo que persegue o proxecto elaborado polos servizos técnicos municipais reside na mellora do entorno outorgando protagonismo ao tránsito peonil.
Para alcanzar este fin demolerase o pavimento actual de formigón substituíndose por pedra granítica, tanto na fronte como na parte posterior e realizando un camiño perimetral do propio edificio da Capela.
Mobiliario
Tamén se construirán xardineiras de obra de fábrica recebadas e pintadas que se colocarán cada poucos metros na escaleira de acceso para romper a monotonía, ao tempo que servirán como pasamáns para axudarse a acceder ao terreo superior. Igualmente instalaranse bancos alternándose coas mesmas xardineiras. Na parte na que o terreo da Capela está máis elevado sobre as beirarrúas colocarase unha varanda de fundición para evitar caídas.
Por outra parte, pavimentarase con rego asfáltico o camiño de acceso ás vivendas situadas na parte posterior ao tempo que se instalarán varios puntos de luz.
Para rematar, construiranse unhas beirarrúas que conectarán a zona da Capela co parque das festas.
O prazo de execución son dous meses.